O HTC One terá versión Nexus

xoves, 30 de maio do 2013 Marcus Fernández

Hai un par de semanas Google anunciou que ía vender na súa páxina web unha versión do Samsung GALAXY S4 sen a capa de personalización de Samsung, ou sexa, que daría ao popular móbil surcoreano o tratamento dun terminal da familia Nexus, e agora é HTC quen fai o mesmo co seu buque insignia, e anuncia que vai comercializar a través de Google Play unha versión do HTC One coa experiencia Nexus. Esta edición especial sairá á venda nos EE.UU. o vindeiro 26 de xuño a un prezo de 599 dólares (para chegar logo a outros mercados).
Esta variante do HTC One prescindirá de HTC Sense e chegará cunha versión pura de Android 4.2.2, contando coas actualizacións sucesivas que saque directamente Google despois. Ao igual que a versión normal do HTC One, este modelo véndese con 32 Gb de almacenamento interno, en contraste coa versión para desenvolvedores que inclúe 64 Gb (pero que véndese coa capa de software de HTC).
O HTC One é un dos móbiles con Android mellor valorados polo público e a crítica grazas ao seu coidado acabado metálico en un único corpo e algunhas prestacións innovadoras, e con este novo modelo resulta tamén apto para quen gusta do terminal pero rexeita as capas gráficas que os fabricantes tenden a introducir nos seus dispositivos para diferenciarse da competencia.

PUBLICIDADE