O HTC One Mini terá pantalla de 4,3 polgadas e cámara UltraPixel

xoves, 18 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Ante a boa resposta do HTC One, que converteuse nun dos máis desexados móbiles con Android xunto ao Samsung GALAXY S4, o seu fabricante decidiu presentar hoxe unha variante de menores dimensións (pasa dunha pantalla Full HD de 4,7 polgadas a unha pantalla a 720p de 4,3 polgadas) que conserva o seu atractivo deseño en aluminio.
O HTC One Mini chegará en breve limitando o seu procesador (un Qualcomm Snapdragon 400 de dobre núcleo a 1,4 GHz), a súa RAM (1 Gb) e a súa batería (de 1.800 mAh) e prescindindo do NFC e da posibilidade de operar como mando a distancia por infravermellos, aínda que compensando en parte estas carencias cun grosor de 9,25 milímetros e un peso de 122 gramos, detalles que poden atraer a moitos potenciais compradores do seu irmán maior, en aras dunha maior portabilidade.
A característica que parece manterse sen cambios é a rechamante cámara UltraPixel que presume de disparar boas fotografías sen ter que acadar resolucións absurdas como fan outros terminais. Tamén goza de Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, DLNA e BoomSound.


Vídeo de presentación do HTC One Mini

PUBLICIDADE