O HTC Gratia amplía a familia de móbiles económicos con Android 2.2

luns, 18 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Antes do verán chegou aos EE.UU. o móbil con Android HTC Aria, e por sorpresa chega agora ao mercado europeo unha revisión do mesmo baixo o nome de HTC Gratia, que por fortuna inclúe de serie o sistema operativo Android 2.2 e que busca facerse un oco xunto ao HTC Wildfire coma un terminal económico con case todas as posibilidades que abre o sistema operativo promovido por Google.
O HTC Gratia ten unha pantalla capacitiva de 3,2 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, funciona cun procesador Qualcomm MSM7226 a 600 MHz, ten 384 Mb de RAM, 512 Mb de ROM, 3G/HSPA, Wi-Fi N, Bluetooth 2.1, 4 botóns táctiles, trackpad óptico, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e gravación de vídeo a 640 x 480 píxeles, lector de tarxetas microSD, porto micro USB, toma para auriculares estándar, radio FM, GPS, compás dixital e a interface HTC Sense. Mide 103,8 x 57,7 x 11,7 milímetros, pesa 115 gramos e chegará ao noso mercado no mes de novembro.

PUBLICIDADE