O HTC 10 quere destacar pola estabilización e luminosidade das súas cámaras

martes, 12 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras meses de espera e moitos rumores, anúnciase oficialmente o HTC 10, o novo smartphone insignia do fabricante taiwanés que busca recuperar o tempo perdido, que combina un acabado de auténtico luxo con elevadas especificacións técnicas, aínda que vén cun prezo (749 euros) que podería ser o seu principal atranco para atopar un lugar no mercado cando chegue ás tendas a primeiros do mes que vén.
O novo smartphone entra polos ollos coa súa pantalla Quad HD Super LCD 5 de 5,2 polgadas con cristal 2.5D Gorilla Glass e unha carcasa unibody de aluminio que aposta seriamente polas súas cámaras, xa que a súa cámara frontal, pese a ter uns discretos 5 Mpíxeles, conta cunha apertura de f/1.8 e estabilización óptica (todo un soño para os amantes dos selfies, que poderán disparar fotografías cun sorriso, mediante voz ou con temporizador), mentres que a cámara traseira chega até os 12 Mpíxeles, mantendo tamén a apertura f/1.8 e a estabilización óptica, que co enfoque automático laser e o flash de dobre LED intentará gañarse ao público facendo uso da tecnoloxía UltraPixel 2, coa que debería conseguir imaxes de alta calidade en condicións de baixa luminosidade (e que tamén grava vídeo en 4K e contan con modos de cámara lenta e hyperlapse).
No que a especificacións técnicas se refire o HTC 10 tampouco queda curto, pois funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 820, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno ampliable mediante microSD, NFC, Wi-FI AC, Bluetooth 4.2, LTE (até 450 Mbps), lector de pegadas dixitais frontal, audio HTC BoomSound, Android 6 con HTC Sense 8, batería de 3.000 mAh (con carga rápida 3.0 que permite completar a batería até o 50% en só 30 minutos), un grosor de entre 3 e 9 milímetros e un peso de 161 gramos.
Non parece haber dúbida en que estamos ante un dos smartphones máis completos e atractivos do mercado, pero o feito de que HTC perdese pulo nos últimos anos posiblemente impida que reciba o recoñecemento do público que merece (se realmente cumpre co prometido na súa presentación).

O HTC 10 ten unhas cámaras moi luminosas (f/1.8) con estabilización óptica, o que permítelle sacar fotografías de calidade con pouca luz

Vídeo no que podemos ver o deseño do HTC 10, que venderase en España por 749 euros en 3 cores distintas

PUBLICIDADE