O Google Pixel 7a sae á venda a 509 euros
mércores, 10 de maio do 2023
O Google I/O 2023
trouxo unha agradable sorpresa, xa que na súa inauguración non só se presentou
o novo
smartphone Google Pixel 7a, senón que incluso se puxo directamente á venda incluíndo
a España entre os territorios nos que está dispoñible este atractivo teléfono
que ofrecen moitas das grandes innovacións de Google a un prezo de 509
euros (incluíndo até o vindeiro días 22 uns auriculares Pixel Buds A ou un 50% de desconto na compra dos Pixel Buds Pro).
O Pixel 7a pode considerarse como unha versión económica dos Pixel 7 e 7 Pro,
contando cun procesador Tensor G2 e un chip de seguridade Titan M2, polo que o
seu desempeño está garantido, ao que tamén axuda que conte con 8 GB de RAM.
Tamén é salientable que teña tecnoloxía de desbloqueo facial, pantalla cun refresco
de 90 Hz e carga sen fíos (este último elemento pouco frecuente en móbiles
económicos).
O detalle máis destacado nos móbiles Pixel é, sen dúbida, a súa cámara, e no
Pixel 7a non é menos, ofrecendo un sensor un 72% máis grande que o do Pixel 6a,
polo que consegue resultados aínda mellores. Tamén ten un novo obxectivo ultra
grande angular de 13 Mpíxeles. A súa cámara frontal de 13 Mpíxeles tamén
permite agora capturar vídeo 4K. A propia cámara está apoiada polos software de
Google Fotos, que conta con funcións como o borrado máxico e o enfocado de
fotografías, que permiten mellorar fotografías eliminando elementos que non
desexemos ver nas imaxes e mellorando a nitidez das instantáneas.
Pero os móbiles de Google non só poden presumir de boas cámaras, senón que
tamén teñen en exclusiva as funcións do Asistente de chamadas, a tradución en
tempo real, as etiquetas de persoas que aparecen nunha gravación, o asistente
de escritura por voz ou a transcrición de mensaxes de voz na aplicación de
Mensaxes. O Asistente de chamadas é o máis sorprendente destas funcións, xa que
permite que o móbil realicen funcións polo usuario, como agardar cando temos
que agardar a que nos atenda un axente (momento nos que nos avisará o teléfono)
ou incluso filtrar unha chamada de xeito que o propio teléfono a responderá,
preguntando quen chama e o que desexa, e se detecta que se trata dunha chamada
automatizada ou comercial interromperá a comunicación, mentres que se é unha chamada
lexítima o teléfono soará e amosará o que a persoa que chama respondeu.