O Google I/O 2025 presenta un novo arsenal de ferramentas de IA para desenvolvedores

martes, 20 de maio do 2025 Redacción

O Google I/O 2025 volveu ser unha das citas principais para os profesionais da tecnoloxía, nun momento no que a intelixencia artificial continúa a transformar o xeito de crear aplicacións e servizos, co foco posto nos desenvolvedores, presentando novos modelos máis rápidos, ferramentas máis completas e contornos máis accesibles para construír solucións intelixentes de maneira áxil e precisa.

Modelos máis rápidos e con maior control

Un dos anuncios principais foi a nova versión de Gemini 2.5 Flash Preview, un modelo mellorado para tarefas de programación e razoamento complexo, que ofrece agora máis velocidade e máis capacidade de resposta. Xunto a el, chegan funcións como os resumos de pensamento e os presupostos de pensamento, que permiten controlar mellor os custos e anticipar o comportamento do modelo antes de que responda.
Tanto Gemini 2.5 Flash como a versión Pro poden empregarse desde xa en Google AI Studio e Vertex AI como versións de proba. A súa chegada xeral producirase a partir de xuño.

Novos modelos para diferentes ámbitos

Google tamén presentou novos modelos especializados. Gemma 3n é un modelo multimodal lixeiro, pensado para funcionar directamente en teléfonos, portátiles ou tabletas, capaz de procesar texto, audio, imaxe e vídeo.
Outro dos anuncios destacados foi Gemini Diffusion, un modelo de xeración textual ultrarrápido que multiplica por cinco a velocidade doutros modelos anteriores, mantendo unha alta capacidade para programación. Tamén se presentou Lyria RealTime, unha proposta experimental que permite crear música en tempo real de forma interactiva.
No eido sanitario, MedGemma permite procesar textos e imaxes médicas para desenvolver aplicacións clínicas. Pola súa banda, SignGemma está orientado á tradución de lingua de signos a texto oral, o que abre novas opcións para persoas xordas ou con dificultades auditivas.

Ferramentas que simplifican o desenvolvemento

Colab recibirá unha actualización importante para converterse nun espazo de traballo máis autónomo. Bastará con indicar que obxectivo se quere acadar, e Colab executará accións no caderno como corrixir erros ou transformar código, facilitando o proceso de programación.
Tamén se anunciou a dispoñibilidade de Gemini Code Assist, o asistente de programación con IA de Google, que agora pode xestionar contextos de ata dous millóns de tokens. Pola súa parte, Firebase Studio ofrece un entorno na nube que permite transformar deseños de Figma en aplicacións completas e, a partir de agora, poderá detectar se a app necesita un backend e crealo automaticamente.
Outras novidades inclúen Jules, un axente asíncrono que se encarga de tarefas demoradas ou repetitivas, e Stitch, unha ferramenta que xera deseños de interface e o código correspondente a partir de descricións en linguaxe natural ou imaxes.

API de Gemini con máis funcións e integracións

A API de Gemini incorpora novas capacidades como saída de audio con voz sintética, recoñecemento de eventos clave en vídeo, resposta emocional ao ton do usuario e xeración de voz en diferentes estilos, ritmos e acentos, tanto para unha soa voz como para múltiples interlocutores.
Entre as novas funcións destacan tamén as chamadas asíncronas (para tarefas longas que non bloqueen o diálogo), a posibilidade de recuperar o contido completo dunha páxina web desde a súa URL, e unha nova API que permite que a IA utilice software ou navegue pola web segundo as indicacións do usuario.
A integración co Model Context Protocol facilita o uso combinado con ferramentas de código aberto.

Un paso máis cara a unha IA máis útil e próxima

Con estes avances, Google reforza a súa aposta por unha intelixencia artificial máis rápida, accesible, transparente e aplicable a múltiples sectores. A intención é que tanto profesionais como creadores e empresas poidan desenvolver solucións baseadas en IA de forma sinxela, segura e adaptada ás súas necesidades.