O Google Glass para motos pode verse no CES

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Durante o CES parece que non son poucas as solucións que se poden ver que parecen inspiradas en Google Glass, e tras a Varia Vision de Garmin (para ciclistas) sabemos agora da solución para motocilistas desenvolvida por DigiLens en colaboración con BMW Motorrad, que supón toda unha transformación da experiencia de condución a dúas rodas, xa que no propio casco da moto temos un visor que presenta información sen que teñamos que apartar a vista da estrada.
Este novo sistema de información integrado no casto amosa información como a velocidade, advertencias de tráfico, comunicacións do teléfono, administración do motor, carburante, viaxe e navegación GPS e incluso acceso ás cámaras de acción traseira e dianteira, permitindo que o condutor elixa en cada momento o que queira visualizar. A súa autonomía é de máis de 6 horas, coa vantaxe de que as súas baterías son intercambiables en quente.
Esta tecnoloxía está a amosarse en vivo no CES de Las Vegas (nun simulador de motocicleta), de xeito que os usuarios poden coñecer en persoa se esta especie de Google Glass para motos responde ás súas expectativas, aínda que o produto non estará no mercado até o ano que vén.
Polo momento este tipo de accesorios sería respectuoso coas normas de tráfico norteamericanas, pero haberá que ver se cada normativa local acepta o uso de sistemas de visualización que interfiren na visión do condutor cun nivel de transparencia tal que non a obstaculicen.

O visor desenvolvido por DigiLens presenta información como a velocidade ou as alertas de tráfico

PUBLICIDADE