O Goberno xa concedeu a Galicia 12.000 bonos de dixitalización

luns, 6 de febreiro do 2023 S. P.

O delegado do Gobierno en Galicia, José Miñones, reuniuse este luns 6 de febreiro cos empresarios da Coruña (a directiva da Asociación de Empresarios de Pocomaco), aos que lles informou que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital xa concedeu máis 12.000 bonos a pemes e persoas autónomas de Galicia a través programa Kit Dixital, “o que supón unha inxección de 58 millóns de euros do Plan de Recuperación ao tecido empresarial galego”.
Na reunión, que tivo lugar no dito polígono da Coruña, José Miñones trasladou ao empresariado as convocatorias e investimentos do Plan de Recuperación do Gobierno das que se poden beneficiar actualmente as compañías galegas para potenciar a súa modernización. “Neste Executivo entendemos moi ben a importancia de apoiar ás nosas empresas para xerar actividade económica, impulsar a recuperación e crear emprego e riqueza en Galicia”, destacou o delegado. Nese sentido, puxo de relevo que o Plan de Recuperación do Gobierno e despregou máis de 2.400 millóns de euros en Galicia e favoreceu a máis de 5.500 empresas galegas, ben a través de axudas e subvencións directas, por concorrencia, ou a través de financiamento, ao que se unen as distintas convocatorias de axudas e liñas de crédito en condicións vantaxosas que ofrece o Goberno.
O delegado salientou “o gran éxito e a utilidade que está a ter o programa Kit Dixital de Red.es”, entidade pública adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, que conta cun orzamento de 3.067 millóns de euros e está financiado a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a axenda España 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025. “Animo a todas as pemes e autónomos de Galicia que aínda non o teñan a que soliciten xa o seu bono dixital”, insistiu, e engadiu que as tres convocatorias están abertas e o prazo de resolución dos expedientes é de menos de 30 días.
Lembrou tamén que a primeira convocatoria do programa Kit Dixital está aberta para empresas de 10 a 49 empregados, que teñen dereito a un bono de 12.000 euros. A segunda convocatoria é para pemes de 3 a 9 empregados, con bonos de 6.000 euros. A terceira é para empresas ou autónomos de 0 a 2 empregados, con bonos de 2.000 euros.
Ademais do Kit Dixital, José Miñones trasladou aos empresarios de Pocomaco outras accións e axudas que o Goberno de Pedro Sánchez pon á súa disposición para acelerar a recuperación económica e incrementar a competitividade do tecido empresarial de Galicia. Entre elas, a convocatoria de subvencións para a conectividade de polígonos industriais de Galicia, á que o Goberno destina máis de 4,3M€ a través do Plan de Recuperación. Neste caso, a xestión faise a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEG), o que José Miñones sinalou como “un exemplo de como este Goberno executa o Plan de Recuperación en co-gobernanza coa Xunta”.

PUBLICIDADE