O Goberno prepara unha aplicación móbil e un chatbot para informar sobre a COVID-19

luns, 30 de marzo do 2020 Marcus Fernández

JPEG - 113.5 KB
Nadia Calviño, ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital

O BOE do pasado sábado recolle a encomenda á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital o desenvolvemento urxente e operación dunha aplicación informática para o apoio na xestión da crise sanitaria pola COVID-19.
A aplicación permitirá que os usuarios avalían o seus síntomas para coñecer a probabilidade de estar infectado polo coronavirus e achegará consellos prácticos e recomendacións de accións a seguir segundo a avaliación.
A aplicación móbil tamén permitirá a xeolocalización do usuario a efectos de verificar que se atopa na comunidade autónoma na que declara estar. Esta ferramenta tamén poderá incluír ligazóns a espazos web de terceiros nos que se poidan facilitar informacións e servizos sobre a materia.
Paralelamente tamén se desenvolverá unha páxina web informativa cos recursos tecnolóxicos dispoñibles e porase en funcionamento un chatbot de WhatsApp e outras aplicacións de mensaxería instantánea que proporcionará información oficial ante consultas da cidadanía (o deseño estará baseado en información oficial do Ministerio de Sanidade).

PUBLICIDADE