O Goberno levará a banda larga de ultima xeración a 138 vivendas e empresas de Mañón

martes, 9 de agosto do 2022 S. P.

O concello do Mañón, un dos 278 municipios de Galicia beneficiados da primeira convocatoria do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión Único – Banda Larga, vai recibir um impulso importante do Goberno en materia de cobertura. Neste territorio a empresa adxudicataria do programa deberá executar 26 proxectos para levar Internet ultrarrápida, de última xeración, ata 138 vivendas e empresas. Así o deu a coñecer este 9 de agosto a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, durante unha visita á Biblioteca Municipal do Barqueiro, no concello de Mañón, onde destacou o labor deste centro para fomentar á lectura entre toda a veciñanza e situar a cultura como un importante motor de recuperación.
Rivas tivo este martes 9 a oportunidade de coñecer as instalacións da biblioteca galardoada na XXII edición dos Premios María Moliner acompañada polo alcalde do municipio, Alfredo Dovale, a responsábel do dito servizo, Begoña López, e outros representantes da Corporación municipal. “A Biblioteca de Mañón, como amosa este premio, é un exemplo de como debemos traballar para promocionar a lectura e a formación. Un exemplo que tamén vemos noutros concellos premiados este ano como Ares, Ortigueira e Oleiros, e que animo a imitar a todos os municipios da nosa provincia”, subliñou Rivas.
Estes galardóns premian con 2.777 euros a cada unha das 370 propostas seleccionadas de bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes de toda España. Recoñecen aos mellores proxectos de animación á lectura dirixidos a toda a veciñanza, especialmente a colectivos con dificultades para o acceso á lectura. As 370 bibliotecas dos municipios seleccionados, dun total de 547 proxectos presentados, destinarán a contía dos premios principalmente a compra de libros e publicacións periódicas co fin de ampliar o seu catálogo.
A Biblioteca Municipal do Barqueiro foi recoñecida polo Ministerio de Cultura grazas ao seu proxecto De Caión a Mogor, no curso do río Sor, orientado a achegar os seus servizos a a persoas de todas as idades e promocionar a lectura, a formación e a cultura no Concello. A iniciativa incluíu, entre outras actividades, obras de teatro, contacontos, clubs de lectura, exposicións bibliográficas e obradoiros.

PUBLICIDADE