O Goberno de Navarra contrata software galego para a súa xestión policial

luns, 30 de xuño do 2008 Raquel Noya

O Goberno de Navarra, a través da Dirección Xeral de Interior, vén de contratar á empresa galega eLaboro SL para a implantación do novo ePatrol na localidade de Milagro. Deste xeito, o concello navarro será o primeiro de España en instalar a nova versión deste pioneiro sistema, baseado en software libre, que xestiona todos os procedementos administrativos relativos á Policía Local ao longo de todo o proceso e en total coordinación con todas as unidades administrativas relacionadas.
Trátase dunha experiencia piloto, da que xa falamos con anterioridade neste portal, dirixida a mellorar a xestión administrativa policial e a “axilizar, simplificar, homoxeneizar e automatizar” o traballo diario deste colectivo profesional.
Os responsables da contratación deste servizo de orixe galega veñen de afirmar que “se os resultados son os agardados”, o Goberno navarro incorporará o ePatrol á xestión ordinaria dos corpos de Policía Local desta Comunidade.
E elección de ePatrol por parte desta entidade responde ao feito de ser unha ferramenta “potente e versátil”, construída a partires de software libre e modulable.
Como sistema de información corporativo, ademais de atender as necesidades de xestión administrativa, inclúe solucións de mobilidade en tempo real que permiten a súa futura implantación en diversos ámbitos.

Coordinación policial
Esta ferramenta permite, asemade, a coordinación de diferentes unidades policiais de xeito que distintos concellos poden compartir información e ampliar a difusión de distintos avisos como, por exemplo, unha orde de afastamento ou o roubo dun vehículo.
Deste xeito facilítase o artellamento das iniciativas enmarcadas nas leis de Coordinación de Policías Locais, xa aprobadas en Galicia (Lei 4/2007 do 20 de abril).

PUBLICIDADE