O Goberno central ve factíbel o proxecto da UDC para converter a fábrica de armas nunha cidade TIC

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa


A Coruña vai seguir avanzado no seu papel de referente TIC, un papel que xa hai tempo que vén xogando e que as semanas pasadas, coa celebración do importante acontecemento Mobile Week, quedou novamente de manifesto. Este carácter tecnoloxicamente senlleiro da cidade está a recibir un novo pulo da Universidade da Coruña, que quere que a contorna herculina dispoña dun novo e significativo espazo urbano de investigación, formación e innovación dixital. Estamos a falar do seu proxecto para converter a fábrica de armas na Cidade das TIC. Esta iniciativa foi presentada hoxe nos seus detalles polo reitor Julio Abalde, perante o secretario de Estado de Defensa, Ángel Olivares.
Na cita tamén participaron o alcalde Xulio Ferreiro, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; o deputado socialista Ricardo García Mira, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, así como representantes dos traballadores e outras autoridades do Ministerio. Na xuntanza, o secretario de Estado de Defensa fixo saber que xa está asinada a rescisión da actual concesión o que permite iniciar outras accións, deixando o camiño aberto para esta importante transformación que propón a Universidade da Coruña.
Na cita, amais, acordouse crear decontado unha comisión de traballo formada por representantes do Ministerio de Defensa, da Universidade da Coruña e do Concello da Coruña para ver a maneira de artellar a Cidade das TIC e buscar a fórmula xurídica para a súa materialización.
Tanto o reitor como o alcalde e a subdelegada do Goberno manifestaron a súa plena satisfacción co resultado da reunión.
Detalles sobre a iniciativa
O proxecto de transformación tecnolóxico-dixital da fábrica de armas (unha importante contribución á fórmula sustentábel e racional de tirar proveito de infraestruturas existentes en desuso) xurdiu á iniciativa da Universidade da Coruña coa colaboración do Cluster TIC Galicia pola “demanda das empresas do sector tecnolóxico de contar cun polo de innovación no que estivese presente a Universidade da Coruña”. Neste polo centralizaríanse as empresas de novas tecnoloxías interesadas en compartir espazo común, así como iniciativas de coñecemento e emprendedoras da Universidade da Coruña.
Segundo informa a UDC sobre a orixe mesma da iniciativa e as necesidades detectadas que propiciaron a súa materialización, as empresas do sector dixital da área metropolitana da Coruña precisan novos espazos para ampliar instalacións e desenvolver máis servizos, xa que se atopan, en conxunto, en plena fase de espallamento e medre.. A Cidade das TIC, engade a UDC, sería unha importante resposta ao devandito requirimento.
Como dixemos, o espazo de innovación empresarial emprazaríase nas instalacións da fábrica militar, nunha infraestrutura singular na que convivirían as empresas, a Universidade da Coruña e os centros tecnolóxicos asociados para “xerar sinerxías e converter A Coruña e Galicia nun polo de innovación TIC con visión internacional”. Ademais, a súa privilexiada localización, preto do Campus de Elviña, facilita a conexión e a colaboración con centros de Santiago, Vigo e o polo aeronáutico de Lugo. “Este proxecto”, engade a UDC, “permitirá apoiar a industrialización nun territorio que perde peso industrial, reter o talento local e atraer talento internacional, así como potenciar un sector empresarial estratéxico para a área metropolitana da Coruña, cun efecto de dinamización da innovación noutros sectores como o téxtil, loxístico, portuario, alimentario, etc”.

PUBLICIDADE