O Goberno amplía a contía dos empréstamos a cero por cento para a merca de equipos informáticos

venres, 7 de decembro do 2007 Raquel Noya

O Consello de Ministros vén de aprobar hoxe día 7 de decembro de 2007, o acordo polo cal se autoriza a adenda deste mes ó convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Instituto de Crédito Oficial (ICO) para a liña de financiamento ICO-Plan Avanza, que dende a súa posta en funcionamento xa beneficiou a 32.000 empresas e a un total de 65.000 cidadáns.
O devandito acordo supón ampliar a contía económica acordada no convenio, 952 millóns de euros, en 330 millóns de euros máis, que a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información transferirá ó ICO. Deste xeito, o importe total da liña ascende a 1.282 millóns de euros. O obxectivo desta ampliación é “mellorar a eficacia da liña”.

Tipos de empréstamos
Esta liña de financiamento ICO-Plan Avanza materialízase en tres produtos distintos: Préstamo TIC, Préstamo Mozos e Universitarios e Préstamo Cidadanía Dixital, con idénticas características financeiras en canto a tipo de interese e iguais procesos preliminares de solicitude de operacións a través das entidades de crédito mediadoras adheridas ó convenio de financiación.
O empréstamo TIC conta cunha dotación de 903 millóns de euros e ten como obxectivo financiar ás pequenas e medianas empresas os investimentos en equipos informáticos así como en aplicacións e servizos para acceso a Internet de banda larga e a incorporacións das TIC ós procesos empresariais.
O importe dos préstamos pode ascender a 50.000 euros cun tipo de interese cero e un prazo de devolución de 36 meses.
O préstamos Mozos e Universitarios contan cunha dotación de 114 millóns de euros e o seu obxectivo é financiar ós mozos de entre 18 e 35 anos e a estudantes matriculados en universidades españolas a adquisición de ordenadores con capacidade de conexión a Internet e opcionalmente, software, antivirus, periféricos e a alta no servizo de conexión a Internet de banda larga. O importe dos préstamos pode achegarse ós 3.000 euros con tipo de interese cero e cun prazo de devolución de 60 meses.
O terceiro produto, o Préstamo Cidadanía Dixital ten como obxectivo financiarlles ós cidadáns en xeral a adquisición de equipos con capacidade de conexión a Internet e software ou periféricos en xeral. O importe dos préstamos pode chegar ós 3.000 euros con tipo de interese cero e un prazo de devolución de 36 meses.

Onde solicitar os préstamos
Os interesados en beneficiarse destas axudas poden solicitar os préstamos nas entidades financeiras adheridas á liña. Estas poden consultarse na web do ICO premendo nesta ligazón.
Máis información sobre os préstamos en www.mityc.es/prestamos e www.planavanza.es así como nos teléfonos 901 200 901(atención telefónica do Ministerio de Industria) e 900 121 121 (atención telefónica do ICO).

PUBLICIDADE