O Garmin Approach G80 permite simular torneos de golf en campos de todo o mundo

martes, 22 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Garmin anunciou hoxe o Approach G80, un dispositivo GPS de alta gama destinado para a práctica do golf, que mestura as funcións propias dun GPS con capacidades de monitorización dos tiros (para o que integra un radar) para poder calcular métricas avanzadas sobre o swing. Este dispositivo con pantalla táctil de 3,5 polgadas que pode verse sen problema baixo a luz solar facilita que os golfistas poidan analizar e axustar o seu xogo, podendo facer un seguimento de numerosos valores que inflúen na súa práctica deportiva.
O Garmin Approach G80 ten 41.000 campos de golf de todo o mundo precargados, inclúe modos de práctica para probar a habilidade e traballar para mellorar o xogo e incluso permite que non haxa que preocuparse pola súa batería xa que a súa autonomía chega até as 15 horas con GPS activado.
Unha función curiosa do novo dispositivo é a posibilidade de realizar torneos virtuais, ou sexa, que os golfistas poden competir en campos famosos con usuarios de todo o mundo, así como competir nun modo desafío (para un ou 2 xogadores) no que superar distintos retos recibindo puntos ao conseguilo.
Este novo dispositivo saíu á venda nos EE.UU. a un prezo de 499,99 dólares, polo que é probable que en breve chegue a España a menos de 600 euros.

Vídeo promocional do novo dispositivo de Garmin

PUBLICIDADE