O Game Pass prepárase para recibir as novidades máis importantes da súa historia

martes, 15 de outubro do 2024 Marcus Fernández

A segunda quincena de outubro vai ser probablemente a máis potente na historia do Game Pass a nivel de incorporacións, que non se limita ao desembarco da nova entrega de Call of Duty, senón que tamén inclúe outros títulos moi relevantes que poden animar a moitos usuarios a contratar o Game Pass Ultimate (que é o que inclúe todas as novidades).
O 16 de outubro veremos como chega a todas as modalidades de Game Pass o xogo South Park: The Fractured but Whole para PC, consola e nube, seguido ao día seguinte por Donut County, nas mesmas condicións, xunto con MechWarrior 5: Clans, que chegará a PC, Xbox Series X|S e nube para Game Pass Ultimate e PC Game Pass.
O día forte de novidades é o 25 de outubro, coa chegada de Call of Duty: Black Ops 6 a PC, consola e nube para subscritores de Game Pass Ultimate e PC Game Pass, mentres que os usuarios de Game Pass Ultimate recibirán tamén os xogos Call of Duty: Modern Warfare III e Call of Duty: Warzone como xogo na nube.
O 29 de outubro chegará Ashen a PC, consola e nube para todos os plans, mentres que o 31 de outubro os subscritores de Game Pass Ultimate e PC Game Pass recibirán a versión de PC de Dead Island 2.
Pero o outro prato forte anunciado é que o 5 de novembro os subscritores de Game Pass Ultimate e PC Game Pass recibirán os xogos para PC StarCraft Remastered e StarCraft II: Campaign Collection.