O Galaxy S9+ confírmase como o móbil coa mellor cámara do mercado

venres, 2 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Até a semana que vén non haberá consumidores que poidan pór a man enriba aos novos Samsung Galaxy S9 e S9+, pero o novo smartphone insignia de Samsung xa está a pasar por distintos laboratorios para comprobar a excelencia das súas novas cámaras, e parece confirmarse o feito de que estamos ante a mellor cámara de smartphone até o momento, superando lixeiramente ao iPhone X e ao Pixel 2, actuais referentes.
Até o momento a análise máis exhaustiva e rigorosa do Galaxy S9+ chega de DxOMark, onde a cámara do teléfono conseguiu unha puntuación xeral de 99 (104 en fotografía e 91 en vídeo), mentres que o Pixel 2 tiña un 98 (99 en fotografía e 96 en vídeo) e o iPhone X un 97 (101 en fotografía e 89 en vídeo) asegurándose que o teléfono carecía de puntos febles na súa cámara, comportándose moi ben en numerosas situacións e conseguindo un dos mellores efectos de profundidade de campo.
Confírmase que a competición neste apartado non para, e cada poucos meses temos un smartphone de alta gama que consegue superar aos anteriores, o que resulta cada vez máis complexo, aínda que resulta rechamante que iso poida ser posible empregando distintas técnicas, como o feito de que o Pixel 2 destaque sen contar con dobre cámara traseira, ou que Apple opte por aproveitar sensores de profundidade do que carecen o resto de fabricantes.
No caso de Samsung a aposta pola dobre apertura da cámara principal, que admite modo f/1.5 e f/2.4 permite unha versatilidade destacable, de xeito que compórtase moi ben con pouca e con moita luz; conseguindo tamén brillar grazas a un novo modo de cámara superlenta no que poden facer que nun vídeo estiremos 0,2 segundos de gravación para que ocupen 6 segundos en reprodución.

PUBLICIDADE