O Galaxy Fold sairá á venda en España o 18 de outubro

martes, 1 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Tras un redeseño por mor dos problemas de integridade que tiña o Samsung Galaxy Fold, chegou aos mercados surcoreano e estadounidense o primeiro móbil con pantalla encartable do mercado, anunciándose que eu Europa teriamos que agardar ao mes de outubro para poder pórlle as mans enriba, e aínda que Samsung non realizou un comunicado oficial, o misterio vén de desvelalo Orange, que na súa revista mensual publica un anuncio no que din claramente Galaxy Fold estará «dispoñible a partires do 18 de outubro de 2019».
Quedan así menos de dúas semanas para que un dos dispositivos máis interesantes do ano chegue ás tendas a un prezo de 2.000 euros, polo que non se espera que consiga grandes vendas, senón que simplemente busca abrir paso a unha nova categoría de produtos que tanto poderían marcar o camiño dos móbiles do futuro como poderían situarse nun punto entre os smartphones e as tabletas, cunha identidade de seu.
Este novo smartphone ten unha pantalla flexible de 7,3 polgadas, que cando está pechado permite o control mediante unha pantalla exterior de 4,6 polgadas. Cómpre advertir que a pantalla flexible do Galaxy Fold é un produto que dista moito das pantallas ás que estamos afeitos, tanto en calidade de imaxe como en fraxilidade, e dende Samsung insisten en que a pantalla flexible non debe someterse a moita presión cos dedos, á vez que hai que procurar manter o dispositivo libre de po e auga, xa que o seu deseño dificulta á protección á que estamos afeitos en dispositivos de alta gama actuais.

Vídeo no que Samsung incide na fraxilidade do Galaxy Fold

PUBLICIDADE