O Galaxy F62 terá unha batería de 7.000 mAh

luns, 15 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Non é a primeira vez que Samsung escolle a India como territorio para estrear un smartphone con grande batería, e desta volta o teléfono con batería descomunal que sairá á venda o día 22 é o Galaxy F62, que presume de funcionar cun procesador Exynos 9825 fabricado con tecnoloxía de 7 nm, e que busca gañarse aopúblico cunha batería dificilmente superable, cunha capacidade de 7.000 mAh que grazas ao cargador de 25 watts incluídos pode completar a súa carga en menos de 2 horas e que, dada a súa capacidade, incluso conta con carga inversa, ou sexa, que é capaz de funcionar como batería externa doutros trebellos.
O Galaxy F62 está equipado cunha pantalla Full HD+ de 6,7 polgadas e tecnoloxía Super AMOLED, que alberga unha cámara frontal de 32 Mpíxeles nunha perforación na súa parte superior central, mentres que na súa traseira tne unha cámara cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles. Pode gravar vídeo en 4K, contan con modos de gravación super-estables e a super-cámara lentra, ten modos fotográficos para disparar boas fotografías nocturnas e retratos e tamén conta con macro. O lector de impresións dixitais teno nun lateral, a súa capacidade de almacenamento (128 GB) pode ampliarse mediante tarxetas microSD de até 1 TB, soporta pagamentos móbiles sen contacto por NFC (sendo compatible tamén con Samsung Pay) e a súa versión con 6 GB de RAM sairá á venda por 23.999 rupias (272 euros), mentres que o modelo con 8 GB de RAM custará 25.999 rupias (295 euros).
Temos así un produto que cun prezo de gama media conta con algunhas prestacións máis propias da gama alta, o que, xunto á súa elevada autonomía convérteno nun smartphone que de seguro que vai ter boa aceptación, polo que parece lóxico pensar que chegará pronto ao noso territorio (aínda que igual baixo outro nome).

PUBLICIDADE