O Galaxy A70 terá cámara traseira tripla e batería de 4.500 mAh

martes, 26 de marzo do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro 10 de abril Samsung celebrará un evento para presentar novos produtos da familia Galaxy A, e anticipándose á data anunciaron hoxe o Galaxy A70, un smartphone que aseguran que está deseñado «para os novos nativos dixitais que queren estar conectados e compartir contidos en calquera momento».
O Samsung Galaxy A70 terá unha pantalla Super AMOLED Infinity-U de 6,7 polgadas cunha relación de aspecto de 20:9 (buscando maximizar o tamaño de pantalla mentres contén o ancho para un agarre confortable), apostará por unha cámara traseira tripla (cun sensor principal de 32 Mpíxeles con apertura f/1.7, un sensor de profundidade de 5 Mpíxeles e un ultra grande angular de 8 Mpíxeles capaz de captar o contorno en 123 graos), a cámara frontal terá unha resolución de 32 Mpíxeles con apertura f/2.0 e, aparte dunhas xenerosas especificacións (procesador de 8 núcleos, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB, dobre SIM, recoñecemento facial e sensor de pegadas dixitais integrando en pantalla) o seu punto forte será para moitos o incorporar unha batería de 4.500 mAh con carga ultra rápida (a 25 watts). Tampouco esquece Samsung Health, Samsung Pay e Bixby, de xeito que agora quedamos á espera de saber o prezo que terá este interesante terminal que previsiblemente buscará achegar prestacións de gama alta a un prezo contido.

O Galaxy A70 segue as tendencias marcadas polos móbiles de gama alta, pero coa vista posta na competencia na gama media

PUBLICIDADE