O Gaiás acolleu o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VII

martes, 20 de maio do 2025 S. P.

A Cidade da Cultura (monte Gaiás, Santiago) acolleu este 20 de maio o lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VII, un proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) no que se realizan misións de exploración mediante a utilización de globos-sonda meteorolóxicos que ascenden a uns 30.000 metros de altitude, onde toman mostras que se recollen tras unha viaxe de planeo polos ceos galegos.
Na cita participou o conselleiro de Educación, destacando que este tipo de proxectos estimulan as competencias STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) e “son un claro exemplo de bo nivel que ten o alumnado galego en ciencias”. “Non en balde, a nosa Comunidade está no primeiro posto do Estado en competencia científica con 506 puntos, 21 máis que a media española e da OCDE”, lembrou o conselleiro.
Nesta sétima edición, a misión Marumasat explora os efectos das viaxes estratosféricas (incluída a exposición a radiacións ionizantes) en protozoos ciliados, concretamente Tetrahymena. Ademais, recolle mostras de aire a diversas altitudes para valorar a presenza de vida microscópica e realiza medicións de diversas magnitudes físicas para a observación e estudo atmosférico. Participan no proxecto os institutos IES Miraflores (Oleiros), Maruxa Mallo (Ordes), Eduardo Pondal (Ponteceso), Arcebispo Xelmirez II (Santiago de Compostela) e Marco do Camballón (Vila de Cruces), así como o Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda) e o Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán).