O GPUL informa este mércores na Coruña sobre as vantaxes de accesibilidade de GNOME

luns, 9 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), coa axuda da GNOME Foundation, vai organizar esta semana un encontro sobre as moitas vantaxes que nos presenta o software libre en materia de universalización do coñecemento e de loita contra todos aqueles atrancos, principalmente de tipo comercial, que deixan fóra da Sociedade da Información a unha boa parte da cidadanía. Estamos a falar da Xornada sobre Accesibilidade en Software Libre que o devandito colectivo galego organiza o vindeiro mércores 11 na Facultade de Informática da Coruña. Como se indica, o eixe temático do evento será a accesibilidade, que é unha característica do software que posibilita que sexa usado por persoas con diversidades funcionais de toda índole.
Este de crear un contorno universal onde calquera persoa, teña as características físicas, de visión ou auditivas que teña, poida facer uso das novas tecnoloxías, é un dos obxectivos do contorno de escritorio GNOME e da comunidade código aberto que ten detrás.
A xornada do mércores servirá entre outras cousas para dar conta da colaboración entre as comunidades devanditas, informándolle ao público asistente sobre os avances e as melloras que permiten adaptar o contorno de traballo GNOME para os internautas que precisan tecnoloxías de asistencia.
Asemade, achegaranse coñecementos sobre o como funciona o lector de pantalla Orca ou como se pode navegar de forma accesible nos navegadores Firefox e Webkit.
Para rematar, presentarase os obxectivos a acadar durante a semana de traballo do equipo de internacional de desenvolvedores que se reunirá nas oficinas de Igalia na Coruña.
A continuación damos conta do programa:

8:00 Introdución á accesibilidade en GNOME
Alejandro Piñeiro (Igalia, GNOME Accessibility Team)

18:30 Orca, o lector de pantalla de GNOME
Alejandro Leiva (Emergya, Orca)

19:00 Accesibilidade na web: Firefox, Webkit
Fernando Herrera (Mozilla Foundation, Firefox)
Mario Sánchez Prada (Igalia, Webkit)

19:30 Que facemos no Hackfest de ATK/AT-SPI2?
Alejando Piñeiro (Igalia, GNOME Accessibility Team)
Localización: Aula de Grados, 2º Planta.
Facultade de Informática
Campus de Elviña s/n
15071 A Coruña
Data e hora: Mércores, 11 de maio de 2011 as 18:00


Máis detalles sobre quen convoca a xornada

A Xornada de Accesibilidade en Software libre dentro do ATK and AT-SPI Hackfest forma parte das actividades que GPUL realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluída dentro do Plan de Acción FLOSS 2011. Agradecemos a colaboración na organización deste evento á Facultade de Informática, á Universidade da Coruña e Igalia.

PUBLICIDADE