O Fire TV Stick 4K Max incorpora conectividade Wi-Fi 6

martes, 14 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Ao presentar a súa estrea no mercado dos televisores, Amazon anunciou tamén o novo Fire TV Stick 4K Max, a renovación do seu reprodutor multimedia compacto, para dotar de capacidades de Smart TV a calquera televisor con entrada HDMI, que vén de abrir a súa reserva en España a un prezo de 64,99 euros, aínda que haberá que agardar ao 7 de outubro para o seu lanzamento.
O novo Fire TV Stick vén a ser unha versión até un 40% máis potente do modelo 4K, o que supón unha maior fluidez nas aplicacións, aínda que o incremento de velocidade tamén chega a nivel de comunicacións, xa que desta volta integra conectividade Wi-Fi 6, o que agradecerán os que teñen un router relativamente novo, para poder gozar mellor de contidos de ultra alta definición.
O seu mando a distancia tamén muda lixeiramente, mantendo o seu micrófono para Alexa (aínda que destacando o logotipo de asistente de voz no seu botón dedicado) e contando con 4 botóns específicos para axilizar o acceso a Amazon Music, Prime Video, Netflix e Disney+. O mando tamén pode empregarse para acender e apagar o televisor e para controlar o seu nivel de volume.
Outra novidade interesante é que, aparte de poder empregar Alexa para o manexo da nosa electrónica doméstica, no caso de que contemos con cámaras de vídeo compatibles poderemos ver directamente a súa imaxe en modo picture-in-picture, ou sexa, nunha fiestra reducida, para non interromper o vídeo que esteamos a ver nun momento determinado.

Os dispositivos Fire TV Stick achegan numerosos servizos de contidos en liña so televisior

PUBLICIDADE