O Financial Times volve incluír a Tecalis entre as empresas que máis medran en Europa

luns, 17 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Tecalis, centrada en achegar proxectos tecnolóxicos para facilitar a transformación e optimización tecnolóxica dos negocios (poñendo o foco nas grandes corporacións), vén de obter un importante recoñecemento ao seu labor. Estamos a falar da súa nova inclusión (por segundo ano consecutivo) na listaxe de empresas que máis medran en Europa, unha listaxe elaborada polo medio especializado Financial Times.
A empresa, conformada 100% por capital galego e con sede central en Ames, destacou a importancia dupla da distinción: por un lado serve para confirmar a senda de excelencia e competitividade pola que discorre e, pola outra, fai fincapé na súa capacidade de resistencia “fronte aos xigantes tecnolóxicos estranxeiros que pretenden descentralizala de Galicia”.
Tecalis tamén salienta que a clasificación na prestixiosa listaxe (a FT 1000 de Financial Times) supón “un dos mellores recoñecementos de crecemento para calquera empresa, pero máis aínda se se trata dunha startup convertida en PEME e situada en Galicia, fóra dos clásicos focos empresariais, e unicamente conformada por capital galego”.
Outro dos puntos que destaca Tecalis acerca da súa inclusión no dito ranking é o feito de ter sido obxecto do mesmo recoñecemento durante dous anos consecutivos, unha circunstancia que se dá raramente e da que, por certo, tampouco se viu allea outra empresa do mesmo concello coruñés, Dexga Technologies, a empresa matriz do grupo empresarial conformado por Tecalis e Dexga, que foi incluída (durante 2018 e de novo en 2019), na clasificación FT1000 do devandito xornal de negocios e economía internacional,.
Esta listaxe de empresas reflicte as compañías que “actúan como forza motriz da economía europea”, e que acadaron a taxa anual de crecemento máis alta en ingresos no período comprendido entre 2013 e 2016 (na lista FT1000 2018) e o comprendido entre 2014 e 2017 (na lista FT1000 2019). Para Financial Times as empresas innovadoras e de medre rápido son “o empuxe da economía europea no século XXI, xa que xeran postos de traballo e manteñen a competitividade de Europa”.

PUBLICIDADE