O Festival Pequefilmes volve apostar este ano polo formato híbrido

mércores, 19 de xaneiro do 2022 S. P.

Esta mañá presentouse en Santiago unha nova edición do Festival Pequefilmes, que, como se indica no seu nome, é un evento especificamente deseñado para os máis cativos da casa e que, ademais, aposta por reivindicar os pequenos formatos. A sexta convocatoria do festival virá con 80 curtametraxes de 20 países. Esta nova edición aposta por manter o formato híbrido estreado o ano pasado, por mor da pandemia. Así, combinarase o papel protagonista da Cidade da Cultura (que volverá ser o eixe principal de actividades) coa posibilidade de asistir ás proxeccións a través da Rede, en streaming.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou no Gaiás as novidades desta sexta edición, acompañado do director do festival, Jorge Rivero, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
O festival decorrerá nos días 29 e 30 de xaneiro con proxeccións en sala e en liña, apostando por manter o formato híbrido que iniciou o ano pasado.
Segundo fixeron saber, Pequefilmes “mantén a calidade e a variedade como bandeira da súa programación, con curtas de todos os xéneros, estilos e temáticas”.
Este ano aumenta tamén a presenza de pezas de imaxe real con respecto a outras edicións “porque queremos mostrar que do mesmo xeito que a animación pode ser tamén para un público adulto, o cinema infantil non se fai só con animación”, explicou Jorge Rivero.
Entre as curtas escollidas hai pezas seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, como a española Vuela, nomeada ao Goya á mellor curta de animación 2021, dirixida por Carlos Gómez-Mira Sagrado e distinguida xa con 22 galardóns a nivel internacional. Tamén curtas como a francesa Migrants, tamén candidata aos Goya, premiada nos BAFTA Student Awards e en diversos festivais de Xapón, Estados Unidos e Europa; Tobi und der Turbobus, galardoada no Fantasia Film Festival e no Festival Clermont-Ferrand en 2021; ou Orgiastic Hyper-Plastic, premiada na MONSTRA de Lisboa e no Animafest Zagreb de Croacia, poderán verse nesta edición.
Canda elas estará a curta galega Atopando o Camiño, dirixida por Andrés Castro e María Fanjul. Esta curtametraxe, protagonizada polo alumnado do CEIP Parada-Campañó (Pontevedra) e candidata aos Mestre Mateo 2020, foi tamén seleccionada, entre outros, no Zinetxiki Zinemaldia (España), o TFM Online Film Festival (India) ou o Festival Internacional de Cine Joven de México 2021, onde gañou o Premio Especial da Sección Infantil e unha mención especial á mellor actriz para Laura Gómez Torres.
Colaboración co Festival Olloboi
Os alumnos e alumnas dos nosos centros de ensino galegos serán tamén os protagonistas, directores, produtores e guionistas da escolma de pezas que poderá verse, de balde, en dúas sesións especiais na mañá do día 30 de xaneiro grazas á colaboración entre Pequefilmes e o Festival de Cine Escolar Olloboi, impulsado dende Boiro. Nesta edición colaboran tamén con Pequefilmes o Festival Clermont-Ferrand, AGADIC e Gadis, que patrocina un dos premios do certame.
As entradas poranse á venda esta semana en Ataquilla.com e na billeteira do Museo Centro Gaiás para as sesións presenciais –a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión– e ao mesmo prezo para as sesións en liña na plataforma tv.Festhome, coa opción de adquirir tamén abonos para unha sección ou todo o festival.

PUBLICIDADE