O Fab Lab da Pobra do Caramiñal xa produce material de protección contra o COVID-19

venres, 27 de marzo do 2020 S. P.

O Concello de Pobra do Caramiñal vén de emitir un comunicado no que agradece o labor despregado polo Fab Lab da Casa da Mocidade local, onde os voluntarios están a deseñar e producir máscaras e lentes protectoras con vistas ao seu uso na actual pandemia de COVID-19. No grupo participan deseñadores tecnolóxicos como Carlos Dasilva, da empresa Tecelán, e Martín González. O concelleiro de Seguridade, Mocidade e Participación Veciñal, José Andrés Lojo encargouse de coordinar o traballo e de fornecer o material necesario para a fabricación de equipamento. Tamén participaron a empresa Arnoia Distribución de Libros e Pizpireta Mercería, achegando as gomas que se precisan.
O traballo comezou hai varios días, da man dos ditos deseñadores, botando man das impresoras 3D coas que conta o Fab Lab, tres das cales, segundo informa o Concello, xa están a pleno rendemento a día de hoxe (as outras dúas das que dispón o laboratorio de experimentación incorporaranse ao longo destes días, unha vez que se poñan a punto). O Concello e o equipo de desenvolvemento tamén fixeron saber que é probábel que se engadan ao proxecto máis impresoras 3D de propiedade privada, para poder incrementar a produción diaria.
As máscaras destinaranse sobre todo ao persoal sanitario do Hospital do Barbanza e aos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, sempre que as precisaren.
Distribuiranse tamén entre as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e o Servizo de Limpeza das Dependencias Municipais, poñendo o foco nas que teñen como responsabilidade a hixiene do Centro de Saúde.
O Concello explicou que hai outras traballadoras e traballadores que as precisan para protexerse, “como as brigadas que traballan na rúa, sobre todo a de limpeza viaria”, que estes días adícanse aos baldeos con lixivia das zonas máis críticas.
Asemade, ofreceranse a outras entidades que teñen solicitado axuda ao Concello, pero sempre condicionado ao ritmo de produción.

PUBLICIDADE