O DJI Neo revoluciona o mercado dos drons de consumo

xoves, 5 de setembro do 2024 Marcus Fernández

En 2019 DJI fixo historia ao presentar un dron de menos de 250 gramos de peso, o DJI Mavic Mini, que cun prezo de lanzamento de 399 euros abría o mundo dos drons a un amplo público coa vantaxe de que o seu reducido peso situaba o dispositivo nun marco regulatorio favorable (non é preciso contar con licenza para o seu uso).
Aínda que este formato de dron foi evolucionando nos últimos anos, conseguindo maiores prestacións mantendo o mesmo factor de forma, agora repite a revolución anterior co novo DJI Neo, que descoloca completamente o mercado o seu prezo de partida (199 euros), o seu peso (135 gramos) e a súa facilidade de uso (nin sequera precisa mando).
O DJI Neo é o dron máis lixeiro e compacto lanzado por DJI, pero o seu punto forte é o seu sistema de control, xa que sen mando é capaz de despegar e aterrar na palma da man do usuario tras realizar a gravación de vídeo no modo indicado polo usuario (por realizar distintos efectos e seguimentos de obxectivos mediante IA). As súas hélices tamén están moi protexidas, de xeito que estamos ante un dispositivo que incluso pode resultar seguro en interiores.
Co DJI Neo podemos capturar fotografías de 12 Mpíxeles ou producir vídeos até 4K a 30 imaxes por segundo (ou Full HD até 60 imaxes por segundo), podendo deixar a operativa en mans do sistema, de xeito que resulta un dos produtos máis doados de empregar que hai no mercado. Por exemplo, o dron pode seguir ao usuario mentres vai en bicicleta, en patinete ou correndo, mediante a súa tecnoloxía de seguimento, contando tamén con modos intelixentes de gravación en distintos ángulos (dronie, órbita, foguete, spotlight, espiral e boomerang), aínda que tamén haberán quen directamente o utilice como se fose unha cámara colocada sobre un trípode mentres mantén encadrada á persoa que ten diante (aforrando así a necesidade de contar cun operador de cámara).
Aínda que o dron destaque polos automatismos, tamén conta con sistemas de control avanzados, de xeito que pode controlarse a distancia co móbil ou cun mando de dron (co que tamén se consegue unha maior cobertura e un mellor control), utilizándoo dun xeito semellante a un DJI Mini; sendo tamén destacable a posibilidade de controlar o DJI Neo como fun dron FPV (ou sexa, visualizando os seus movementos en primeira persoa mediante un visor, o que facilita a realización de acrobacias).
O DJI Neo integra 22 GB de memoria interna (na que poden almacenarse até 40 minutos de vídeo en 4K ou 55 minutos de vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo), a súa batería (intercambiable) promete unha autonomía de até 18 minutos, e como importante novidade tamén temos a posibilidade de adquirilo por 349 euros nun lote que inclúe mando, 3 baterías e unha estación de carga rápida que é capaz de cargar as 3 baterías simultaneamente (polo que en menos dunha hora poden quedar listas para unha xornada de gravación).
Estamos ante un produto que non está orientado a profesionais, pero si pode resultar moi atractivo para creadores de contido, en grande medida porque incorpora a posibilidade de incorporar nas gravacións de vídeo o son captado polo teléfono o por un sistema de gravación de audio adicional conectado por Bluetooth, co detalle de que mediante intelixencia artificial se elimina o ruído producido polas hélices do propio dron, conseguindo así que o usuario poida protagonizar gravacións de vídeo nas que se lle escoita claramente, á vez que conta con planos espectaculares.
Con todas estas posibilidades entendemos que o DJI Neo podería converterse en todo un fenómeno de masas, ao achegar o concepto de cámara voadora a un público moi amplo, que dificilmente se animaría a facerse cun dron tradicional, pero que a facilidade de uso e o prezo axustado poderían funcionar como un potente reclamo.

Vídeo promocional do DJI Neo