O Consorcio de Santiago dixitalizará o patrimonio histórico da cidade

xoves, 10 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Compostela vista por José Lojo.

Coa cantidade de posibilidades que ofrece a tecnoloxía en materia de códigos, linguaxes e feituras, sería desexable un mundo onde todo fose texto e máis nada? Se así fose, estaríamos sen dúbida a desaproveitala, amais de afundírmonos un pouco máis nun exceso de información textual só comparable á maré de ladrillo das nosas costas. O caso é que a Rede ten recursos que, como dixemos noutra nova deste portal, poden correr na nosa axuda á hora de acceder á información, resumindo e sintetizando palabras en imaxes e facilitando nun segundo respostas inmediatas ás seguintes preguntas: Cando? Como? Onde?
Nesta liña, na de facilitar o acceso ós datos (amais de preservalos), é onde se está a situar o Consorcio de Santiago, que asentou a primeira pedra do que será un Sistema de Información Patrimonial (SIP) sobre a cidade.
O proxecto pasaría polo emprego de mapas (localización xeográfica dixital) como portas de entrada cómodas e doadas ó coñecemento.
Cómpre lembrar que un SIP opera coma unha base de datos con coñecemento xeográfico (datos alfanuméricos) que se acha ligada por un identificador común ás figuras gráficas dun mapa dixital. É dicir, a idea é facilitar no posible a comprensión total dos datos, sendo o primeiro paso (e fundamental) chegar a eles por medio dun xesto tan sinxelo e cotiá como sinalar unha figura, neste caso unha das do mapa.
O proxecto do Consorcio, que foi presentado este xoves 10 pola mañá na sede do mesmo en Compostela, contará coa participación de diferentes grupos de técnicos. Para comezar, levaranse a cabo diversos traballos de campo, como visitas a locais e vivendas co obxectivo de actualizar a información física e urbanística da zona histórica de Santiago. Segundo informa a entidade compostelá, “a razón fundamental para empregar un SIP é a xestión de información especial, permitindo o sistema separar os datos en diferentes capas temáticas, amoreándoas de xeito independente e deixando marxe para traballar con elas de maneira rápida e sinxela”.
A iniciativa, que se integra no plan plurianual do Consorcio (2007-2010), desenvólvese a través dun acordo co Centro Nacional de Información Xeográfica, dependente do Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento, co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), con Concello de Santiago e co Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) da Xunta.
Segundo informa o Consorcio, proxecto inclúe tres fases sucesivas de 12 meses cada unha:
· Primeira fase.- Durante 2008 créase o Sistema de Información Patrimonial. Levarase a cabo a carga de toda a documentación histórica e arqueolóxica documental ou gráfica dispoñible desde o ano 2000. A divulgación dos datos de será a través de Intranet, podendo acceder por liña de conexión informática de datos de alta velocidade ó Plan Especial do Concello (ASC).
· Segunda fase.- En 2009 procederase á continuación das funcionalidades non rematadas na fase anterior, “realizando inventario e carga de elementos patrimoniais en interiores de monumentos, igrexas, pazos, levantamentos arqueolóxicos en superficie, etc”, informa o Consorcio. Nesta fase, a difusión de contidos será plena tanto en Internet como Intranet, integrándose co ASC.
· Terceira fase.- Deseñaranse reconstrucións en 3D de interiores de monumentos ou calquera elemento patrimonial, podéndose levar a cabo saídas multimedia coa xestión dos datos habilitados no SIP.

PUBLICIDADE