O Consistorio de Ribeira acolle este xoves unha conferencia sobre mercadotecnia dixital

martes, 30 de novembro do 2021 S. P.

Ao abeiro do traballo de divulgación e capacitación en novas ferramentas que está a realizar a Concellería de Innovación Tecnolóxica, Ribeira vai acoller unha conferencia sobre mercadotecnia dixital este xoves 2 de decembro no salón de plenos do Consistorio. Comezará ás 18.00 e será impartida por Luis Fernández Combarro. A conferencia versará sobre o cambio do ciclo económico actual e o coñecemento dos novos hábitos dos consumidores como clave para a sostibilidade e o futuro das empresas.
Luis Fernández Combarro é especialista en mercadotecnia e comunicación e conta cunha sólida formación comercial, publicitaria e dixital. Amais, traballou como director de Marketing en grandes multinacionais como Procter & Gamble, Telefónica e compañías como Antena 3, ademais de ser conselleiro delegado de Carat-Vizeum durante máis de 10 anos e fundados de Fairtime.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través dun formulario específico en liña.

PUBLICIDADE