O Consello da Cultura e a Fundación Rosalía de Castro únense á celebración en liña da autora de Cantares Gallegos

venres, 22 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O mapa das alboradas colectivas da web da Fundación Rosalía de Castro

Esta fin de semana que se achega é, sen dúbida, a fin de semana de Rosalía de Castro. Xa non só porque o 24 de febreiro sexa a data do seu nacemento e porque en 2013 se conmemoren os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, senón tamén pola pertinencia do seu discurso, da súa obra e todo o que representou a escritora galega, hoxe en día un símbolo de cousas que hai ter moi en conta, como a defensa e dignificación da cultura propia, do papel da muller a tódolos niveis sociais, do patrimonio material e inmaterial, da Galicia popular, e moitas cuestións máis. A celebración do Día de Rosalía terá vertentes reais e tamén, complementándoas e deixándose complementar, vertentes virtuais. Se onte falabamos nesta web das actividades previstas pola AELG, hoxe é a quenda de dar conta do que preparan outras entidades. Como o Consello da Cultura de Galicia, que semella querer estender as celebracións no tempo e tamén no espazo: cara ao universo dixital.
O Día de Rosalía, por certo, tamén servirá para facer dende moitas frontes unha reclamación ben concreta: a inclusión deste festexo galego no calendario escolar da Consellería de Cultura. Volvendo ás accións do CCG, dicir que foron debulladas en detalle polo presidente do Consello, Ramón Villares, e máis por Rosario Álvarez e Manuel Gago. Entre as accións previstas máis salientábeis temos, primeiramente, encontros de dupla faciana: real e virtual. Ou sexa, con sede física e relatores concretos facendo acto de presenza, e ao mesmo tempo, con contribucións na Rede. Falamos do congreso internacional que dá comezo o día 28 en Santiago coa sesión dedicada a Rosalía de Castro ante os procesos de cambio social e cultural. Nel intervirán docentes e investigadores das tres universidades galegas, ademais de dúas especialistas das de Nottingham e Huelva. O 21 de marzo, 25 de abril, 30 de maio e 27 de xuño serán as outras catro sesións presenciais. A maiores, habilítase a opción de contribuír con comunicacións libres, divulgadas a través da web do CCG, que complementa esta liña de acción en liña coa publicación da reprodución facsimilar da primeira edición de Cantares gallegos (Vigo, 1863); un roteiro por escenarios de importancia biográfica na vida e obra de Rosalía, unha peza audiovisual de 1951 que se cualifica de “o primeiro vídeo do galeguismo” ou a achega dun directorio universal de rosalianistas.
Amais das contribucións do CCG cómpre informar tamén do importante labor que está a desenvolver a Fundación Rosalía de Castro na súa recentemente remodelada web, rosaliadecastro.org, que funciona estes días como un acubillo centralizador da longa listaxe de actividades musicais de celebración (xeolocalizadas e de doada consulta) previstas para a xornada do 24. Máis polo miúdo, o que se achega é o programa conxunto de Alboradas de gloria simultáneas que, a través dunha colaboración entre a Fundación e a Asociación de Gaiteiros Galegos, van homenaxear o espírito de Rosalía e a súa longa e fonda pegada até os nosos días. As dúas entidades están a facer un chamamento ás gaiteiras e gaiteiros da nosa terra para unírense á Alborada en cadea. Con esta fin, na web da Fundación habilitaron unha sección especial con materiais e referencias para poder interpretar o dito tema.

PUBLICIDADE