O Congreso esLibre celebrado en Vigo incluíu 30 relatorios, 18 obradoiros e catro salas de reunións

luns, 27 de xuño do 2022 S. P.

A cidade de Vigo puxo o punto e final a dúas xornadas do Congreso esLibre, un dos eventos tecnolóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional. Por Galicia, colaboraron na organización (a xeito de entidades anfitrioas) o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). Estas organizacións escolleron dous espazos culturais destacados da cidade galega, o Museo Marco e o espazo de eventos Muta, como puntos de acollida das numerosas propostas e solucións relevantes para a cidadanía, a administración e as empresas. Houbo 30 relatorios, 18 obradoiros, catro salas de reunións e seis espazos de misceláneas.
As temáticas abordadas nas dúas xornadas puxeron o foco na actualidade a través da proposición de solucións mediante software e cultura libres para o aforro na factura enerxética, a loita contra as pandemias, a xestión cultural, o combate contra software malicioso, a seguridade e a protección de datos, así como na sustentabilidade organizacional baseada no Open Source.
Foi unha edición especial xa que esLibre celebrouse en Galicia por vez primeira ao tempo que volveu á presencialidade tras a pandemia por COVID19.
Segundo informaron GALPon e AGASOL esta cita deixou un ronsel de expertos e coñecementos colaborativos ás súas costas, grazas ás múltiples temáticas abordadas así como ao carácter formativo e divulgativo de cada unha das actividades. Entre as perspectivas tratadas destacou a optimización do aforro enerxético do proxecto FreeDs, que une un hardware e software libres para xestionar os excedentes enerxéticos nun determinado momento e derivalos para outros usos aportando unha nova perspectiva ante un paradigma de suba de prezos.
Tamén a utilización do free software atopou en esLibre múltiples aplicacións co fin de divulgar e promover un coñecemento público no marco da cultura sen cancelas. Nesta liña, a utilidade da tecnoloxía abordou, por exemplo, as aplicacións de rastrexo COVID implantadas por numerosos países en todo o mundo, entre eles España. En España a aplicación oficial foi desenvolvida e lanzada con software libre e facilitando a interoperatividade con outros sistemas. O experto e conferenciante Alexander Sander, da Fundación Europea de Software Libre, explicou que “para permitir o seguimento transfronteirizo e poder abrir de novo as fronteiras, estas aplicacións debían ser interoperábeis. Grazas á nosa presión, conseguimos que a UE e mesmo a OMS se pronunciasen positivamente sobre o software libre e dixesen que axuda a protexer os dereitos fundamentais”, sinalou.
Esta edición de esLibre incluíu debates e conferencias sobre a situación actual do movemento do software libre en Galicia e outras comunidades como Asturias, ademais de amosar e aportar ferramentas de uso libre tanto para sectores tecnolóxicos específicos como orientadas ao usuario medio, divulgando así a protección de datos e a seguridade que outorgan este tipo de ferramentas.
As actividades do congreso tamén se centraron en promover o coñecemento aberto para combater o software malicioso na utilización de sistemas como Linux ou como a plataforma Arduino, que, segundo se puxo de manifesto, “incentiva o interese e a práctica en programación por parte do alumnado de Secundaria e Bacharelato”.
Outra das conferencias máis esperadas foi a que protagonizou Pietro Marini, da compañía Nextcloud, unha plataforma de código aberto que permite ás súas persoas usuarias ter o control sobre os seus propios datos, subidos á súa propia nube particular. Este sistema estase utilizando en produción en centenares de miles de organizacións en todo o mundo, algunhas delas con bases de usuarios masivas.
Seguindo a liña divulgativa do congreso, celebráronse mancheas de obradoiros e actividades formativas dirixidas a un público xeral para introducilo no mundo das ferramentas do software libre e do coñecemento da cultura libre. Desde a creación dun videoxogo ou avatar 3D ata mesas redondas sobre os perigos da economía da vixilancia actual, foron algunhas das accións que clausuraron o congreso.

PUBLICIDADE