O Congreso Flúor converterá Pontevedra en referente da mercadotecnia dixital

martes, 7 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Pontevedra vai ser no mes de xuño a capital das novas tecnoloxías aplicadas ao crecemento das empresas: toda a ampla listaxe de ferramentas que axudan aos negocios a ter máis clientes, facer mercado e traballa polo seu prestixio e reputación. Estamos a falar da primeira edición do Congreso Atlántico de Mercadotecnia Dixital, o Congreso Flúor, que se celebra os días 13 e 14 de xuño da man do Clúster de Comunicación de Galicia.
Está previsto que participen máis de 20 relatores de empresas referenciais do ámbito tecnolóxico e, tamén, do grupo de grandes compañías que poden gabarse de extraerlle o máximo partido ás redes sociais e buscadores como instrumentos para facer mercado: Microsoft, LinkedIn, New Balance ou Iberdrola. Tamén intervirán responsábeis de axencias en liña e consultores de primeiro nivel, negocios online e influencers.
Flúor ofrecerá dous días de conferencias e mesas redondas con máis de 20 profesionais sobre negocio e publicidade dixital, redes sociais e imaxe de marca. Haberá, tamén, obradoiros de diferentes temáticas e networking entre profesionais. Entre os relatores, como dixemos, figuran directivos de multinacionais como Microsoft, LinkedIn, New Balance ou Iberdrola, así como consultores de renome como Juan Luis Polo (Good Rebels), Javier Regueira (Branded Content), Tristán Elósegui ou Roberto Carreras (Voikers).
Segundo informa a organización do evento, os contidos ábrense tamén a temáticas de actualidade como as plataformas de televisión ou o papel dos influencers, e asuntos de calado social como a igualdade de xénero e a diversidade na publicidade dixital.
Segundo informa o Clúster de Comunicación, o congreso ten o respaldo dun comité técnico integrado por máis de 15 empresas do sector que colaborou durante os últimos meses para crear o concepto e contidos do evento, polo que Flúor, en palabras do Clúster, “representa un proxecto colectivo de todo o sector galego da comunicación”. En termos máis concretos, ten o apoio institucional da Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e Abanca, ademais de axencias de mercadotecnia e servizos dixitais como Iconweb, Bysidecar, Roi Scroll e Dinahosting.
O evento está aberto a todos os empresarios, directivos e profesionais interesados en coñecer de preto as ferramentas, técnicas e estratexias dixitais máis eficaces para marcas, empresas e negocios en liña. As inscricións poden facerse vía web. O congreso desenvolverase na sede de Afundación en Pontevedra.

PUBLICIDADE