O Concurso de Proxectos da USC concede os premios ós finalistas

mércores, 20 de febreiro do 2008 Raquel Noya

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración coas consellerías de Innovación e Industria e de Traballo, vén de premiar as cinco ideas innovadoras con potencial empresarial a corto e medio prazo gañadoras da VIII Edición do Concurso de Proxectos Uniemprende.
A institución académica compostelana recoñeceu a labor de Marta Acuña Vidal, de Enxeñería Química da USC pola súa idea de producir hidróxeno a partires de residuos urbanos como combustible alternativo para vehículos, a Miguel Varela Pérez da Facultade de Informática da Universidade da Coruña por un proxecto que propón pagar o estacionamento da ORA por medio do teléfono móbil e a Jeni Rodríguez Rico, da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo pola proposta de fabricación de xoguetes para nenos con problemas tanto auditivos como visuais ou de fala.
Outros alumnos premiados por presentar ideas innovadoras con potencial empresarial foron, Manuel Gómez García, da Facultade de Química da USC, autor da idea Microóptica e sensores, que pretende levar ó mercado o deseño, adaptación ou construción de dispositivos sensores ópticos e Eva Estévez Forneiro, da Facultade de Medicina da USC que recibiu o galardón pola idea Apiterapia sen a picadura de abella, que busca aproveitar o veleno destes insectos, a apitoxina, polas súas capacidades antiinflamatoria (100 veces superior á da cortisona) e analxésica.
Todos eles recibiron cadanseus premios en metálico para levar a cabo o proxecto nun prazo de tempo curto.

PUBLICIDADE