O Concello de Vigo fomentará o envellecemento activo con formación tecnolóxica

venres, 24 de marzo do 2023 S. P.

O Concello de Vigo puxo en marcha un programa de envellecemento activo con obradoiros multidisciplinares que incluirán actividades de estimulación cognitiva, formación en competencias dixitais e saídas culturais como ir ao cinema ou ao teatro. O orzamento deste primeiro lote deste contrato alcanza os 322.000 euros.
O alcalde deu conta da adxudicación dun dos lotes do servizo de envellecemento activo, que foi outorgado polo devandito importe de 322.000 euros. Este contrato ten por obxectivo a organización de obradoiros en tres eixos. O primeiro deles prevé traballar na estimulación cognitiva (tai chi, ioga, memoria ou risoterapia); o segundo, sobre habilidades e competencias dixitais para evitar a brecha dixital e, por último, están contempladas actividades de ocio saudable vencelladas coa cultura como cinema ou teatro.
Tal e como avanzou Caballero, en breve aprobarase o segundo dos lotes, Viaxa con nós, que ofrecerá excursións e visitas a outros lugares, mentres que o terceiro lote, Coñecendo a Ría de Vigo, inclúe viaxes en barco para coñecer o fondo do mar.
O rexedor lembrou que o programa de envellecemento activo foi obxecto dun incremento considerábel no número de monitores e nas horas de atención, “o que supón que case triplica a oferta anterior.
A Xunta de Goberno validou tamén unha segunda prórroga dun ano do contrato do servizo de teleasistencia domiciliaria cun orzamento de 100.000 euros. Nestes momentos, explicou o rexedor, temos 780 usuarios pero podería atenderse ata un millar de persoas.

PUBLICIDADE