O Concello de Verín renova os equipos informáticos da biblioteca municipal

mércores, 29 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Verín vén de apostar pola renovación dixital da Biblioteca Municipal, e fíxoo equipando o edificio con equipos informáticos novos. Segundo informa o Goberno local, os computadores vellos estaban xa obsoletos, principalmente pola frecuencia de uso por parte dos usuarios da biblioteca, polo que se fixo preciso substituílos e ofrecer, deste maneira, un servizo óptimo á cidadanía.
Esta mañá, a concelleira de Cultura e Educación, Emilia Somoza, visitou a Biblioteca para comprobar o funcionamento dos novos equipos ordenadores. A edil, na visita, salientou que esta medida responde á demanda, cada vez máis ampla, dos usuarios que acoden ás instalacións municipais para usar este tipo de servizo. “Dende a Concellería de Educación e Cultura consideramos fundamental garantir un acceso libre e gratuíto ás Tecnoloxías da Información e Comunicación, as TIC tan precisas hoxe en día tanto no ámbito educativo como no laboral”, comunicou.
Segundo lembrou, instaláronse seis novos equipos informáticos completos que, cun investimento de 1.320 euros, contan con acceso de balde á Rede, paquete completo de ofimática e escáner. Dous dos dispositivos están destinados a uso exclusivo de estudantes, mentres que os outros catro, ademais desta tarefa, tamén poden ser usados para consulta xeral. O tempo de uso para labores de estudo é indefinido mentres que para uso ordinario de consulta estará restrinxido a unha hora por usuario.

PUBLICIDADE