O Concello de Teo lanza unha plataforma cidadá de avisos de incidencias

mércores, 7 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana o Concello de Teo puxo en funcionamento unha ferramenta tecnolóxica directamente encamiñada a facilitar e axilizar o mantemento de equipos, infraestruturas e servizos no termo municipal e á resolución eficaz de incidencias. Trátase de Teo Avisos, aplicación móbiles que permite, en palabras do Concello, “unha comunicación directa coas veciñas e veciños”. En termos concretos, a app permite dar conta ao Concello de todo tipo de avarías ou problemas de servizo e equipamentos, e facelo directamente (sen “intermediarios”) dende o lugar no que se localiza esa avaría ou incidencia.
O Concello explicou á veciñanza que o funcionamento da ferramenta móbil é semellante ao do servizo de mensaxes instantáneas WhatsApp, coa diferenza de que Teo Avisos “conta cunha tecnoloxía interna diferente que fai posíbel validar a información, clasificar e xestionar os avisos, e que os resultados poidan ser catalogados e avaliados por quen a use, o persoal técnico e responsábeis políticos”. Amais, as comunicacións ficarán rexistradas, permitíndose facer seguimento da súa evolución e da resposta que se dá a cada unha delas dende a Administración local. Na web somos.teo.gal, como complemento, estará a disposición da veciñanza un mapa con todas as incidencias abertas no territorio municipal e o estado no que se atopan.
Para instalar a app, os residentes en Teo terán que que acceder a https://somos.teo.gal/app e descargala. Tamén poderán facelo a través de Google Play ou App Store e descargala buscando “Somos Teo”.

PUBLICIDADE