O Concello de Santiago renova o seu portal web
mércores, 6 de novembro do 2024
O Concello de Santiago lanzou este mércores 6 de novembro o seu novo portal web no seu dominio santiagodecompostela.gal, un sitio renovado que presenta importantes novidades en deseño (visual, limpo, aberto) e que fai gala dunha navegación simplificada “para mellorar a experiencia da persoa usuaria”.
O Concello destaca tamén que a nova web ostenta unha feitura máis limpa e moderna, que busca facilitar as procuras de información a través dun buscador no que se pode filtrar os resultados por tipoloxía e data. Tamén se puxo o foco en facer máis doado o acceso ás seccións máis demandadas pola cidadanía, as de Trámites, Contacto e Transparencia, ás que se pode acceder a través de botóns directos na portada.
O Concello salienta tamén que “toda as seccións do portal web son accesíbeis a través do botón de menú que se atopa na parte superior da web e do acceso por temas”. Tamén gañan en visibilidade os eventos que teñen lugar en Santiago e as notificacións de avisos de interese para a cidadanía e estréanse novas seccións como as fotonoticias e a do tempo en Compostela.
O Concello anunciou que seguirá a traballar nos vindeiros días na resolución de calquera incidencia asociada á posta en marcha da nova web.