O Concello de Ribeira fai un chamamento á cidadanía para buscar áreas con cobertura insuficiente

luns, 10 de maio do 2021 S. P.

A Concelleira de Innovación Tecnolóxica, Administración e Transparencia, Ana Barreiro O Concello de Ribeira solicitou a colaboración da cidadanía para procurar aquelas zonas que non conten con cobertura suficiente de banda larga. A iniciativa foi presentada na mañá deste 10 de maio pola concelleira de administración, innovación tecnolóxica e transparencia, atención e participación cidadá, Ana Barreiro.
De feito, esta idea xurde a raíz dunha proposta do Goberno Central, que consiste na elaboración dun listado de zonas potenciais de actuación e recepción de axudas.
As bolsas enmárcanse no eixo do Plan de Colectividade e Infraestruturas Dixitais, que ten unha dotación de 2.320 millóns de euros.
Desta forma, o Executivo estatal realizou unha listaxe preliminar de zonas e abriu de prazo ata o 29 de maio para que os interesados formulen as súas observacións e propostas de rectificación.
Os veciños poden presentar directamente as súas alegacións a través do formulario que aparece na páxina web específica do Goberno ou tamén a través dun formulario habilitado en www.ribeira.gal. Neste formulario calquera cidadán que o desexe poderá informar dunha zona con cobertura escasa ou inexistente dentro do termo municipal (ben indicando a referencia catastral do mesmo ou ben a rúa ou lugar no que se atopa). Disporán de prazo ata o domingo 23 de maio á medianoite e, unha vez recompilados todos os datos, serán tidos en conta para formular ante o Estado as alegacións pertinentes por parte do Concello.
A listaxe provisional, elaborada polo Goberno Central, recolle que dentro do municipio de Ribeira hai un total de 164 zonas brancas e ningunha zona gris.

PUBLICIDADE