O Concello de Rianxo e Avoar impulsan un mapa dixital das agresións machistas acontecidas na vila
mércores, 8 de febreiro do 2023
O Concello de Rianxo enfiou o comezo de ano dando
continuidade ao proxecto Pingas de Luz!, unha iniciativa que
ten o obxectivo de visibilizar e denunciar as violencias machistas na
contorna con vistas a “fomentar a consciencia sobre estas” e
“promover o apoio mutuo entre as persoas que son obxecto dela”.
Desta vez Pingas de Luz vén con en formato obradoiro, dando
presenza nas rúas ás historias de agresións recollidas no mapa
dixital da vila, que podemos ver na
Rede en proceso de re-actualización. Trátase dun proxecto do
Concello de Rianxo en colaboración coa Asociación Avoar.
Seguindo este fío, Concello e asociación veñen
de lanzar un convite á cidadanía para acudir ao próximo obradoiro
participativo de Pingas de Luz, no que se compartirán ideas
sobre como levar á rúa este proxecto, deseñando unhas esculturas
efémeras para os espazos urbanos da vila, así como para tomar
decisións e accións sobre como visibilizar e sensibilizar sobre
este tipo de violencias nas contornas públicas “que compartimos”,
sinalaron as dúas entidades, engadindo que no obradoiro contarase
coa presenza de Pedras de Papel (Artesanía e Patrimonio) para
traballar nas ideas que xurdan a través da técnica de
tapesculture.
O obradoiro será este sábado 11 de febreiro as
11:30 na Biblioteca Pública Municipal Castelao. As inscricións
poden facerse a través do correo avoar@inventati.org.
O proxecto continuará ao longo de marzo, no que
se instalarán as esculturas efémeras deseñadas así como pequenas
pezas cerámicas sinalando diferentes lugares onde aconteceron as
agresións. Tamén se levarán a cabo obradoiros formativos en
diferentes puntos do concello.