O Concello de Redondela fai entrega dos diplomas ás persoas participantes nos últimos cursos de alfabetización dixital
venres, 6 de febreiro do 2026
A Concellería de Novas Tecnoloxías de Redondela facía entrega o pasado 4 de febreiro dos diplomas aos participantes nos últimos cursos de alfabetización dixital. Cómpre sinalar que esta formación, impartida dende o a concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Antonio Cabaleiro, tivo como obxectivo capacitar á veciñanza no manexo de ferramentas tecnolóxicas na vida cotiá. Durante o acto, a alcaldesa Silvia Benavente, subliñou a utilidade práctica desta formación, na que os e as asistentes aprenderon, entre outras competencias, a realizar trámites electrónicos coa administración, xestionar a sede electrónica e utilizar o DNI electrónico para procedementos seguros. “O noso obxectivo é que ninguén quede atrás na transformación dixital. Estes cursos son unha ferramenta clave para a autonomía e a igualdade de oportunidades da nosa veciñanza”, afirmou a rexedora. Un total de 80 veciños e veciñas, cunha media de idade duns 50 anos, participaron nas actividades, aínda que contaron tamén con alumnos de ata 82 anos.
Dende a Concellería de Novas Tecnoloxías anuncian que ao longo deste ano 2026 se levarán a cabo diferentes cursos nas Aulas CeMIT de Redondela e Chapela. Trátase de cursos totalmente gratuítos dirixidos ao público en xeral e que abranguen diferentes eidos da informática, tanto de iniciación como de perfeccionamento. Realizar trámites en liña, xestións administrativas, DNI e sinatura dixital, así como o uso da Intelixencia Artificial, edición fotográfica ou creación de vídeos. Os participantes aprenderán tamén o manexo de tabletas a nivel básico para crear contido, compartir información, vincular co móbil e co ordenador. Tamén se achegará formación máis específica para o manexo de bases de datos, traballo con táboas e LibreOffice.
Engadir que os cursos comezarán no mes de maio e a matrícula abrirase vindeiro luns, 9 de febreiro. As instancias poden recollerse na páxina web do Concello, no Centro de Formación A Marisma, no multiúsos da Xunqueira e nas Dependencias dos Servizos Sociais de Chapela.
Para máis información cómpre dirixirse mediante un correo a: formacion.informatica@redondela.gal e novastecnoloxias@redondela.gal.
