O Concello de Lugo abre unha canle de actividades seguras en YouTube para os maiores

venres, 22 de maio do 2020 S. P.

O Concello de Lugo, a través de Benestar Social, abriu unha canle en YouTube para proseguir cos grandes avances en materia de comunicación dixital coas persoas maiores acadados durante a fase máis crítica do Estado de Alarma. En termos máis concretos, a canle Acompañámoste empregarase para trasladar as actividades que estaban a realizar presencialmente as usuarias e usuarios nos Centros de Convivencia á contorna telemática e, polo tanto, cos mellores garantías de seguridade. O servizo de vídeos estará aberto a todo público e será de doado acceso dende a web do Concello de Lugo, segundo explicou Olga López, concelleira responsábel da devandita área.
Segundo fixo saber, “a duración dos vídeos oscilará en función da actividade a levar a cabo para que o usuario poda gozar dunha sesión na súa casa de 45 minutos, como era habitual antes de que se decretara o Estado de Alarma”.
Todas as semanas a canle renovarase con novo material, explicou, engadindo que os contidos foron elaborados polos monitores do servizo de animación logo dunha fase de estudo, segundo as necesidades e demandas dos usuarios dando prioridade ás tipoloxías de actividades físicas, actividades de expresión corporal, actividades de expresión plástica, accións da área de alfabetización dixital (obradoiro de iniciación ás novas tecnoloxías orientado a estreitar a fenda dixital existente na poboación de maior idade, con medidas para favorecer que os asistentes se familiaricen cos recursos que as TIC brindan de cara a mellorar o seu día a día), actividades para a estimulación cognitiva, e, tamén, accións para a educación compensatoria.

PUBLICIDADE