O Concello de Carballo e Cruz Vermella achegarán as TIC aos maiores

xoves, 17 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Carballo quere que as novas tecnoloxías estean o máis preto posíbel das persoas maiores, favorecendo unha das principais vertentes do que se coñece como envellecemento activo. Con este obxectivo, en colaboración coa Asemblea Local da Cruz Vermella, o Goberno local vai pór en marcha unha serie de cursos de manexo de teléfonos móbiles en todas as parroquias nas que exista un mínimo de inscricións. O programa de obradoiros comezará o mes que vén.
Segundo informa o Concello, para tentar abranguer o máximo de territorio e ao meirande número de persoas potencialmente participantes, nos últimos días enviáronse cartas informativas ás asociacións das diferentes parroquias pedindo a súa colaboración, así coma a dos consellos parroquiais, na difusión da iniciativa. Tamén se colocarán carteis nos vindeiros días en todas as parroquias.
A idea é familiarizar á xente maior do termo municipal coas novas ferramentas dixitais, moi indicadas para permitirlles unha mellor comunicación, un contacto máis directo coa xente da súa contorna (e doutras contornas), unha serie de ferramentas útiles para a vida diaria e, sobre todo, unha actividade cognitiva que favoreza o bo estado de saúde. Os cursos responden á alta demanda que experimentan outras actividades semellantes de envellecemento activo e a peticións concretas dos consellos parroquiais.
As persoas interesadas en participar nas actividades formativas de manexo dos teléfonos móbiles poden inscribirse ata o 25 deste mes cumprimentando a ficha que pode descargarse da web do Concello, e que tamén estará dispoñíbel e poderá entregarse na Casa do Concello e no Pazo da Cultura, así coma nos centros sociais das parroquias.
En función do número e o lugar de residencia dos veciños e veciñas inscritos elaborarase, en coordinación coa Cruz Vermella, o calendario dos cursos en cada parroquia. En cada grupo poderán participar entre 8 e 12 persoas e, segundo explica o Concello, en principio impartiranse 3 sesións de dúas horas de duración cada unha.

PUBLICIDADE