O Concello de Brión crea unha web dirixida á mocidade do municipio

luns, 5 de maio do 2008 Raquel Noya

E-lo? Ademais de ser unha expresión moi típica da nosa terra, vén de converterse agora nun boletín dixital mensual que edita o Concello de Brión e que recolle información de utilidade dirixida aos voluntarios e voluntarias de todo o municipio interesados en participar neste tipo de actividades.
O devandito Concello, do que decote temos salientado o seu interese polas novas tecnoloxías e as iniciativas que leva a cabo neste senso, vén asemade de crear un novo sitio web no que, amais de atopar o boletín dixital E-lo? en formato PDF para descargar, os usuarios poden ver información relativa ás distintas actividades organizadas para favorecer a participación dos seus veciños e veciñas na vida social, cultural, laboral e comunitaria de Brión, así como datos das iniciativas programadas por outras asociacións, entidades e organismos de toda Galicia.
Tanto a páxina web coma o boletín E-lo? recollen información destacada sobre todo o relativo ó voluntariado no propio Concello e en toda Galicia e renóvanse de xeito periódico con datos relativos ás festas e eventos, concursos e exposicións, actividades de formación...
Na web tamén hai recursos puntuais sobre a Oficina Municipal de Información Xuvenil, creada en 1988 para prestar axuda e información aos mozos e mozas do municipio e que está situada na Casa da Cultura, e sobre a Oficina Municipal de Voluntariado, que pretende promover as distintas actividades de voluntariado que se organizan en Brión.

PUBLICIDADE