O Concello de Brión crea unha conta en Facebook e renova a súa web

luns, 9 de marzo do 2009 Raquel Noya

Nova web do Concello de Brion

Unha vez máis, o Concello coruñés de Brión vén de sorprender aos internautas da bisbarra ao reforzar (aínda máis se cabe) a súa forte presenza en Internet, coa creación dunha conta na rede social Facebook, aberta a tódolos veciños e veciñas do lugar.
O espazo, que xa conta con máis de 140 “amigos”, ten como obxectivo ofrecer un lugar na Rede “onde os residentes en Brión, e tamén os que xa non viven no municipio, poidan comunicarse e compartir as súas experiencias coa xente que ten Brión como elemento común”.
Os interesados e interesadas poden acceder a este sitio dende as súas contas de Facebook (agregándoo como un amigo máis) ou directamente dende a web municipal, a cal tamén vén de ser reformada e dotada de novos contidos e ligazóns.

Información sobre o transporte metropolitano en Brión, tamén na web

Asemade, os responsables desta área no concello coruñés, veñen de anunciar a creación dunha nova páxina web na que se informa sobre o transporte metropolitano en Brión e onde os veciños teñen á súa disposición toda a información sobre liñas, horarios e paradas deste tipo de transporte ao seu paso polo municipio.
A web tamén inclúe un mapa interactivo coas distintas liñas que cruzan o territorio e as paradas que ten previstas cada servizo.
Por outra banda, e xa con vistas a atraer turismo para as festas máis importantes do municipio (Santa Minia e a Festa do Cabalo), a web do Concello de Brión tamén vén de incluir na súa portada unha ligazón a outras páxinas relacionadas con estas e outras actividades como o voluntariado, as citas culturais e as actividades sociais e deportivas que se organizan no lugar.
Por último, os responsables da mesma web veñen de anunciar a creación doutro sitio dedicado á viaxe anual da mocidade de Brión, que este ano será no mes de xullo e terá como destino Valencia.

PUBLICIDADE