O Concello de Boiro traballa para levar fibra de alta velocidade a 2.450 inmóbeis

xoves, 22 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Boiro, co novo equipo de Goberno de José Ramón Romero á fronte, vén de achegar máis información sobre a súa estratexia para impulsar o ámbito tecnolóxico-dixital no municipio, unha estratexia que se está a materializar en máis banda larga e máis posibilidades de acceder á Rede de alta velocidade para a veciñanza das parroquias, máis transparencia e participación e máis información e comunicación local nas redes sociais. As medidas, que xa avanzamos os días pasados, comezaron a aplicarse. Por exemplo cos traballos que arrincaron en diversos puntos do termo municipal para a instalación de fibra de alta velocidade e que dotarán deste servizo a uns 2.540 inmóbeis.
Trátase de vivendas e empresas de diversos núcleos rurais de Boiro repartidos en Abanqueiro, Comoxo, Bandalrío, Cariño, Quintáns, Saltiño, Beluso, Brión, Coroño, Runs, Aldea de Arriba, Cesar, Sandrenzo, Graso, A Igrexa, San Martiño, Triñáns, A Ponte Beluso, O Seán, Ferreiros, Nine, Vilariño, Escarabotiño, Magdalena, Peralto e Moimenta.
Respecto da nova estratexia de comunicación municipal, o Goberno boirense engadiu que están xa postas en funcionamento as redes sociais oficiais do Concello, Facebook, Twitter e Instagram, coas que se pretende “informar á cidadanía de toda a actualidade, a vida cultural, deportiva, social, etc. do municipio”. O Executivo local engadiu que as redes están a “ter moi boa acollida” e unha ampla marxe de uso como “vía de comunicación directa entre o Goberno e a veciñanza”.
En canto aos cambios previstos na web, www.boiro.gal, ademais do portal de incidencias e o de transparencia, están previstas modificacións no relativo á axenda e actividades, de xeito que a web sexa máis intuitiva e a información sexa máis sinxela de atopar.

PUBLICIDADE