O Concello da Coruña apostará firmemente polo software libre

mércores, 27 de febreiro do 2019 Redacción

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou onte a folla de ruta do goberno local para iniciar a introdución e migración a software libre do Concello da Coruña, asegurando que «O uso de tecnoloxías propietarias supón un alto custo para as administracións, que durante anos abusaron delas, tanto en termos de custos das licenzas como na propia capacidade de innovación locais. Fomentar e adoptar o software libre supón un importante aforro para as arcas públicas e, polo tanto, mellora da xestión dos recursos municipais, á vez que se apoia ao ecosistema local que desenvolve o seu traballo neste sector e, por suposto, toda a creatividade e a ética colaborativa que hai detrás deste tipo de iniciativas».
A proposta chega despois da realización, coa colaboración da Axencia Galega de Software Libre (AGASOL), dunha diagnose sobre a situación tecnolóxica da administración local, e que sitúa como viable a implantación inmediata da migración cara a este sistema no 50,40% dos 996 equipos municipais. O traballo, realizado a través dun convenio de colaboración, recadou información sobre o tipo de tecnoloxías que se están a empregar na actualidade no Concello. Os obxectivos do mesmo foron empregar estándares abertos que permitan a conexión con outras tecnoloxías, facilitar a apertura de datos para a reutilización da información ou a capacidade de transmisión de coñecemento, de cara á formar ás traballadoras e traballadores municipais para que poidan empregar ditas ferramentas.
Así, segundo o presidente de AGASOL, Carlos Rodríguez, o 50,44% dos equipos do Concello poderían substituír o software que presentan na actualidade, con licenza, por outro libre de xeito inmediato, mentres que no 32,83% habería que realizar unha actuación a medio prazo. Finalmente, o 16,77% dos equipos presentan unha viabilidade máis baixa «polo tipo de programas específicos que empregan».
Carlos Rodríguez apuntou que «segundo as nosas estimacións, a implantación de software libre suporía un aforro anual de 276.460 euros para a administración local» e salientou que «é moi relevante que máis da metade dos equipos do Concello poidan migrar cara a tecnoloxías libres sen presentar problemas».
A intención do goberno local é, segundo explicou a concelleira Claudia Delso, avanzar no desenvolvemento deste plan coa posta en marcha dun Proxecto piloto no posto de empregado público, «que se podería facer nun servizo en concreto ou en varios á vez». Durante a realización instalaríase unha maquinaria específica e crearíase o software do sistema operativo que se modificará en función das adaptacións necesarias que se detecten durante a implantación, ademais de ofrecer soporte tanto in situ como en remoto para atallar as incidencias e modificacións que poidan xurdir.

PUBLICIDADE