O Comercio de Allariz aposta polas canles dixitais para promoverse no mundo

xoves, 7 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A entidade Comercio de Allariz ten nova imaxe, novas presenzas dixitais e novos xeitos de achegarse ao mundo. Esta liña de comunicación e mercadotecnia remodeladas da entidade na que xuntan forzas os establecementos do concello ourensán presentouse este xoves 7 de novembro, poñendo o foco no seu carácter innovador, na diversidade de propostas que aglutina e no feito de que será a nova marca que acompañe as comunicacións relacionadas co sector económico do municipio. Entre outras cousas (e outras que virán), a imaxe renovada estréase cun novo logotipo (que integra o comercio e a hostalería de Allariz), a creación dun blog e a posta en marcha dunha rede social.
Segundo informa o Concello a nova imaxe foi creada por Ainet Coinsulting e ten o seu punto de partida no deseño “dun novo produto máis moderno que realza como principal elemento o comercio, entendendo este como o conxunto da oferta de bens e servizos, xunto co concepto de Allariz como marca de calidade, exclusividade e oferta variada.
Xunto a nova imaxe corporativa incorpórase, no novo plan de comunicación, a creación dun blog destinado ás novas do comercio e hostalería de Allariz na páxina web allariz.gal/xornal, un apartado exclusivo no que se irán publicando novas xerais relacionadas co sector económico de Allariz. Ademais, a posta en marcha dunha rede social propia, en Facebook, completará, polo momento, o plan de comunicación para mellorar a relación entre cliente e Allariz.

PUBLICIDADE