O Comercio Galego mellora a súa presenza na Rede

mércores, 15 de decembro do 2010 Raquel Noya

Tal e como no seu día, os comerciantes galegos tiveron que adaptarse aos tempos e integrar as TIC aos seus negocios se querían estar no meollo do mercado local (instalando sistemas de pago con tarxetas, por exemplo), agora saben que se non teñen presenza na Rede, as garantías de sobrevivir a medio prazo son mínimas por non dicir escasas.
Para evitar isto e permitir que os comercios do noso país teñan o seu lugar propio en Internet, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, vén de asinar un convenio de colaboración coa Federación Galega de Comercio que permitirá a posta en marcha dunha campaña que inclúe o desenvolvemento da web do Portal do Comercio Galego, entre outras cousa Guerra explicou que a sinatura deste novo acordo co sector “faise ao abeiro do plan integral para a dinamización da actividade comercial Ágora- Agora re-Comercia, que está a coordinar a Dirección Xeral de Comercio”, e apuntou que “a dinámica de cooperación, propiciada desde a Consellería de Economía e Industria ten facilitado a celebración deste acordo, así como o resto das iniciativas que se están a desenvolver no eido comercial”.
Os principais obxectivos que persegue este acordo, que tamén inclúe un plan de formación e información dos comerciantes a través de xornadas e seminarios, é dinamizar o consumo no noso país e afondar na integración das TIC entre os comerciantes galegos.
Neste senso, a páxina de comercio electrónico de Galicia será reformada para facela máis accesible e funcional, á vez que se desenvolverá un plan de promoción da mesma para ampliar o formato do comercio electrónico ao conxunto do tecido comercial galego, tendo moi presentes aos pequenos e medianos comerciantes.
Asemade, esta iniciativa incluirá unha campaña de posicionamento no buscador Google, que permitirá que as empresas e comercios galegos saian beneficiados nas procuras dos potenciais clientes.

PUBLICIDADE