O Clúster do Turismo volve elixir nas redes os mellores superpresumidores da terra galega

venres, 17 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Clúster do Turismo de Galicia vén de darlle novos azos á súa campaña Presume de Galicia (en activo dende hai dous anos) co obxectivo de buscar o novo “superpresumidor ou superpresumidora do ano”. Deste xeito, entre este mes de agosto e o mes de novembro, a comunidade Presume de Galicia volverá premiar os internautas que máis e mellor traballaran a prol da promoción da nosa terra ao longo deste 2018. Asemade, recoñecerase o labor dos “superpresumidores do mes”. Todos eles serán elixidos na Rede: as distincións recaerán entre as persoas que obteñan máis votos coas súas fotografías.
A día de hoxe, o Clúster lembra que a devandita comunidade foi quen de superar os cen mil usuarios nas diferentes redes sociais nas que ten perfil (Facebook, Twitter e Instagram, ademais de contar con canle en YouTube), sendo o seu obxectivo seguir medrando e poñendo en xogo un espazo 2.0, participativo, no que compartir todo tipo de experiencias e recantos de interese das nosas catro provincias.
Volvendo ao certame, o Clúster recorda que os presumidores que obteñan máis votos con algunha das súas fotografías penduradas nas redes poderán conseguir entre os meses de agosto e novembro estadías en hoteis de tres e catro estrelas en Galicia. Ademais, quen acade máis valoracións positivas ao remate da campaña obterá o recoñecemento de “Presumidor do Ano” e un premio especial que incluirá unha actividade complementaria á súa estancia hoteleira.
Facebook, a principal rede
Con Presume de Galicia, o Clúster quixo crear “un punto de encontro para namorados da nosa terra”, no que se atopan galegas e galegos que viven no territorio e outras e outros que se atopan fóra e que se asoman ás redes sociais de Presume de Galicia para manter o contacto co seu lugar de orixe. Segundo sinala o Clúster, as redes sociais son o principal escenario no que se desenvolve a iniciativa, especialmente Facebook, onde a comunidade supera o 90 mil seareiros.

PUBLICIDADE