O Clúster TIC e Gradiant amosarán o día 24 innovadoras utilidades dos sistemas de vídeo intelixente

mércores, 17 de xullo do 2013 Redacción

A Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI) acollerá o vindeiro mércores 24 de xullo unha xornada organizada polo Clúster TIC Galicia e o centro de investigación Gradiant dirixida a presentar as múltiples aplicacións que teñen os sistemas intelixentes de análise de vídeo en distintos sectores empresariais e industriais. Segundo informa o Clúster, as devanditas aplicación poden ser do máis variado: contar de xeito inmediato e en tempo real as persoas que asisten a un evento, usar o recoñecemento facial nos accesos de seguridade ou dar forma a novas e aplicacións relacionadas coa saúde e a atención ás persoas doentes ou dependentes. A xornada, que é aberta a todos os interesados nas ditas tecnoloxías (mediante inscrición a través do Clúster TIC), servirá para avaliar, tamén, as oportunidades de negocio e a rendibilidade empresarial do uso destas novas tecnoloxías nas empresas e industrias.
Os catro relatorios, a cargo de investigadores e expertos de primeira fila, centraranse non só na exposición dos últimos avances en sistema de vídeo intelixente, senón sobre todo nas aplicacións prácticas que teñen estes sistemas para o sector empresarial. O primeiro relatorio, a cargo de Raquel Dosil, versará sobre sistemas de video analytics (interpretación de escenas) aplicadas á seguridade e as cidades intelixentes. No segundo relatorio trataranse os conceptos de recoñecemento biométrico e análise facial e a súa aplicación práctica en diversos eidos, con exposición de casos reais como o seu uso no control de acceso mediante recoñecemento dos trazos de cada quen, clasificación demográfica para carteis dixitais, e tracking facial e análise de expresións para HCI, lecer e saúde, entre outras. Este relatorio virá da man de Esteban Vázquez Fernández e Pablo Dago Casas.
O terceiro da xornada estará dedicado ás aplicacións da análise de vídeo capturada con sensores 3D de electrónica de consumo (como Kinect de Microsoft ou Xtion de Asus). Ademais, presentaranse os resultados iniciais de dous proxectos de Gradiant nos que se utilizan os devanditos sensores e análise de imaxe 3D: unha plataforma de adestramento físico e rehabilitación para o fogar mediante recoñecemento de acenos e un sistema automático de reconto de persoas para medida de aforamentos e a súa utilidade en retailing. Os relatores serán Daniel Pereira Fernández e Helena Fernández López. A sesión de remate virá da man de Antía Fernández López e nela introducirase o concepto de realidade aumentada (RA) e a súa utilidade en múltiples sectores (industrial, enxeñaría, fabricación, saúde, educación, entretemento, turismo, alimentación, construción, moda, etc.).

PUBLICIDADE