O Clúster TIC, a UVigo e Imatia lanzan un curso pioneiro sobre emprendemento dixital

xoves, 11 de xullo do 2019 Redacción

O Clúster TIC Galicia, a Universidade de Vigo e a empresa galega de desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas Imatia están a xuntar forzas para pór en marcha unha actividade revolucionaria e pioneira na nosa terra: o lanzamento do Programa de Posgrao en Desenvolvemento de Software e Negocio Dixital. O curso, en palabras do Clúster, foi deseñado especialmente “para persoas que son conscientes do enorme potencial das empresas dixitais, pero que carecen dos coñecementos técnicos ou empresariais necesarios para poder entrar no mundo tecnolóxico e dos negocios”.
A actividade formativa, que aposta por “un enfoque moi práctico e orientado ao traballo real nas empresas”, está dirixida a graduados en titulacións de ámbito empresarial (ADE, Empresariais, Dereito, Comercio e Mercadotecnia, Turismo, Deseño...) e a a graduados en carreiras técnicas (Informática, Telecomunicacións, Industriais, Matemáticas, Física...) que desexen dominar as tecnoloxías que empregan as empresas e aprender a aplicalas aos negocios dixitais. O curso tamén se destina a profesionais das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en activo, que queiran ampliar e fortalecer competencias técnicas, metodolóxicas, de liderado e de negocio.
O inicio da actividade formativa está fixado para o 30 de setembro. Os horarios de empresa son os seguintes: de luns a venres de 9:00 a 14:00. Polo que se refire aos horarios da Universidade de Vigo, son estes: de luns a xoves de 16:00 a 19:00 horas. O curso durará 9 meses, con medio ano de traballo remunerado. Podemos facer o pre-rexistro a través da web de Imatia.

PUBLICIDADE